Skip to main content

Educación e Traballo organizan o I Congreso Internacional de Formación Profesional

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, e o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, presentaron en rolda de prensa o I Congreso Internacional de Formación Profesional que leva por título Perspectivas da Integración Profesional para a Aprendizaxe ao longo da vida.

Tal e como explicou Ricardo Varela durante a súa intervención, o obxectivo deste foro, que se desenvolverá entre os días 10 e 12 de maio en Santiago, é “dar a coñecer os retos da formación profesional para a converxencia con Europa no horizonte do 2010, así como resaltar a importancia da calidade na formación profesional e fomentar o emprego das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) no ámbito da formación permanente”. A responsable de Educación salientou que o que se pretende é “destacar a importancia da calidade na formación profesional, analizar o papel da inspección educativa na avaliación como camiño para a mellorar continua, así como analizar a función da orientación para adecuar a formación ao emprego”.

Ambos representantes da Xunta salientaron as vantaxes da Formación Profesional, xa que segundo as palabras do responsable de Traballo, “algunhas das titulacións de Formación Profesional son as máis demandadas do mercado de traballo, e dende o punto de vista salarial son das mellor retribuídas”. Pola súa banda, a titular de Educación asegurou que “o 65% dos mozos e mozas galegas que optan pola Formación Profesional, acadan un posto de traballo nun período de 6 meses”. Nesta liña Varela asegurou que “a formación profesional é unha boa aposta e temos que poñela en valor e eu estou seguro que foros do nivel deste van axudar á posta en valor da Formación Profesional no noso país para os próximos anos”.

Laura Sánchez Piñón destacou que se trata do primeiro congreso de Formación profesional de ámbito internacional, que organiza o Consello Galego de Formación Profesional”. Este foro está dirixido ao profesorado de educación secundaria e técnico de formación profesional, a orientadores de educación secundaria e laborais, a inspectores de educación, a formadores e expertos de formación ocupacional e a axentes sociais empresariais.

Deste xeito, ao longo de tres días, o Pazo de congresos e Exposicións acollerá varias conferencias plenarias e mesas redondas nas que se abordarán entre outros aspectos da FP, o futuro destas ensinanzas en España, o papel dos axentes sociais no sistema de formación Profesional, as experiencias de calidade e excelencia nestas ensinanzas ou a transición do sistema educativo ao mundo laboral.

Os retos da Formación Profesional

Ricardo Varela estableceu como un dos principais retos da formación profesional adecuar aos traballadores á realidade do mercado. Así o responsable de Traballo declarou que en Galicia, “déronse distintos pasos no camiño que leva a conquerir unha formación profesional axeitada para cumprir os fins que se lle asignan, entre eles avanzar na regulación dunha oferta de formación profesional integrada de calidade, dirixida a estudantes, traballadores ocupados e desempregados, coa finalidade de que as persoas accedan a unha capacitación profesional en condicións de calidade e unha formación acumulable ao longo da vida para axeitar as súas cualificacións aos cambios tecnolóxicos e produtivos que se observan no mercado de traballo”.

A Consellería de Traballo, consciente da importancia de conseguir unha planificación coherente da formación, conta, dentro do Instituto Galego das Cualificacións cun Observatorio ocupacional que realiza estudios en profundidade do mercado de traballo analizando a oferta, a demanda e a contratación da nosa comunidade autónoma, proporcionando información acerca da evolución das ocupacións e do tecido productivo galego.

Ricardo Varela asegurou que Galicia é “pioneira na creación doutro instrumento para acadar unha maior participación e corresponsabilización dos axentes sociais no referente á formación profesional, falo das Comisións sectoriais da cualificación e formación profesional”.

Ademais, o conselleiro sinalou que non hai que esquecer a importancia que a orientación laboral ten dentro do sistema nacional de cualificacións e formación profesional, coa finalidade de informar sobre as oportunidades de acceso ao emprego e sobre as diversas ofertas de formación que faciliten a inserción laboral e a mobilidade profesional no mercado de traballo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia