Skip to main content

A Escola Galega de Administración Pública organiza unha viaxe cultural e un coloquio con motivo do Día das Letras Galegas

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP), organismo autónomo dependente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, organiza un coloquio e unha xeira cultural para conmemorar o Día das Letras Galegas 2006, que a Real Academia Galega lle dedica a Manuel Lugrís Freire. Estas actividades terán lugar os días 16 e 17 de maio, respectivamente, segundo se recolle no Diario Oficial de Galicia na súa edición de hoxe.

O coloquio terá como tema central a literatura galega no momento actual, e estará moderado por Camilo Franco Iglesias, xornalista, escritor e crítico teatral. Xunto a el estarán Iria López Teijeiro, gañadora do I Premio de novela Biblio-Pazos de Galicia para menores de 25 anos; Diego Ameixeiras Novelle, xornalista e guionista de cine e televisión que acaba de publicar a súa segunda novela; e Paula Carballeira Cabana, contacontos e autora de varios libros de literatura infantil. Nesta mesa redonda, que se celebrará na sede da EGAP, poderán participar tanto o persoal das administracións públicas como calquera outra persoa interesada.

A xeira cultural, pola súa banda, contará con Felipe Senén López Gómez, historiador e museólogo, como guía. O itinerario que seguirá inclúe o Camiño Inglés a Santiago por terras de Ordes e visitas aos concellos de Carral (muíños da Costa da Égoa, cemiterio de Paleo, lembranza dos mártires de 1846...), Cambre (restos romanos, colexiata, casa de Wenceslao Fernández Florez) e Betanzos; así como ao Pazo de Mariñán e ás “industrias da memoria” (Cerámicas do Castro, Museo do Castro de Samoedo-Sada). Finalizará cun percorrido pola cidade vella da Coruña, con visitas á Fundación Luis Seoane e ao monumento a Curros.

A esta viaxe terá acceso o persoal ao servizo de calquera das administracións públicas de Galicia, ata cubrir as 40 prazas (no caso de presentarse máis solicitudes, terá preferencia o persoal da Xunta). Os formularios para inscribirse pódense atopar na edición de hoxe do D.O.G., e a inscrición na xeira implica a obrigatoriedade de asistir á mesa redonda.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia