Skip to main content

Pesca, Portos de Galicia e Autoridade Portuaria crearán unha vendeduría para a Ría de Vigo

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, asinará en breve un convenio de colaboración coa Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a través de Portos de Galicia, e a Autoridade Portuaria viguesa para a mellora de servizos e de control de descargas de pesca nos portos da Ría de Vigo.

Esta ría engloba o porto de interese xeral, xestionado pola Autoridade
Portuaria, e os autonómicos de Arcade, Redondela, Vilaboa, Moaña (Meira),
Cangas e Baiona. Neste senso, debemos ter en conta que, ademais da
importancia que as descargas de pesca fresca teñen na terminal viguesa,
todos os restantes portos amosan tamén un significativo volume de
traballo. No obstante, e debido á gran variedade de especies capturadas e
á diversidade da frota operadora, a comercialización non é todo o racional
e ventaxosa que podería ser.

Esta atomización das confrarías e demais organizacións do sector, que
operan diseminadas xeograficamente por todo o litoral e en concreto por
toda a Ría de Vigo, fai aconsellable concentrar a súa actividade de
comercialización para evitar a caída de prezos. Con esta concentración,
as Administracións consideran que se mellorarían a operatividade e a
economía de costes, faríase un mellor aproveitamento das sinerxias e
acadaríase unha mellora no prezo de venda dos produtos pesqueiros.

Pesca, Política Territorial e a Autoridade Portuaria de Vigo decidiron por
tanto colaborar na obtención dunha comercialización da pesca máis
concentrada, fundamentalmente de todos os bibalvos que se descargan na Ría
de Vigo. Neste senso, coas actuacións previstas polas administracións
implicadas mellorarase o control das especies capturadas e descargadas nas
diversas instalacións portuarias na Ría de Vigo, garantindo o respecto das
normas de sostenibilidade dos recursos, o axeitado proceso de
comercialización e a debida aplicación das taxas portuarias
correspondentes.

Para conquerir este obxectivo, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos
comprométese a financiar no porto de Vigo a infraestructura de pesaxe
electrónica, con unidades de proceso de datos e de etiquetado eléctronico,
instalando ademais un sistema informatizado de recollida e tratamento de
datos dos participantes nos procesos de descargas, exposición, poxa,
adxudicación e venda de pescado e marisco. Pola súa banda, a Autoridade
Portuaria de Vigo farase cargo da financiación das reformas de
acondicionamento necesarias das instalacions da Lonxa de Marisco co fin
de lograr unha mellora dos prezos na venda dos produtos do mar,
principalmente dos bivalvos.

Nesta liña, o puerto vigués comprométese a facilitar mensualmente en
soporte informático a Portos de Galicia os datos identificativos das
empresas e operadores e a cuantía dos produtos que inicialmente
descargados nos portos da súa competencia se comercialicen máis tarde nas
lonxas da Autoridade Portuaria de Vigo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia