Skip to main content

A Consellería de Traballo e a Fegamp constituiron a comisión mixta paritaria en materia laboral do Pacto Local

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, presidiu en Santiago a constitución da Comisión Mixta paritaria en materia laboral do Pacto Local entre a Consellería de Traballo e a Federación Galega de Municipios (Fegamp).

O obxectivo desta comisión en grandes liñas é estudiar e propoñer os mecanismos para o financiamento estable dos técnicos locais de emprego e profundar nos programas de cooperación entre a Administración autonómica e as entidades locais para a contratación de desempregados.

A Consellería de Traballo considera fundamental o apoio e a colaboración das entidades locais en temas como a formación (á hora de establecer as necesidades territoriais neste ámbito e analizar o tecido produtivo), orientación laboral e na elaboración de plans experimentais de emprego.

Este grupo de traballo tamén se encargará de darlle continuidade aos Grupos Municipais de Intervención Rápida (Grumir) cuxa actual distribución prorrogarase ata o ano 2007, tempo durante o cal se estudará unha solución de futuro coa garantía do mantemento da súa estabilidade de futuro e do seu financiamento a cargo da Comunidade Autónoma galega ata un máximo de doce membros para cada grupo.

Segundo se recolle no acordo entre a Xunta de Galicia e a Fegamp, polo que se establece o contido e o desenvolvemento do Pacto Local, cando exista un parque de bombeiros ou se cree un novo no concello onde exista algún Grumir, este trasladarase a outro municipio de acordo coa proposta que formule a Comisión Mixta paritaria entre a Fegamp e a Consellería para elaborar un novo mapa de distribución e aplicar o seu resultado a partir de xaneiro de 2008, ademais de ter en conta a estrutura de Protección Civil de Galicia.

Ademais do máximo responsable do departamento de Traballo, Ricardo Varela, por parte da Consellería compoñen esta Comisión Paritaria o secretario xeral da, Xosé Vázquez Portomeñe, e os directores de Promoción do Emprego, Formación e Colocación e Relacións Laborais, é dicir, Álvaro Ansias, Pastor Fuenteseca e Pilar Cancela, respectivamente.

Por parte da Federación Galega de Municipios, forman parte desta Comisión o seu presidente, Xosé Crespo, o vicepresidente executivo, Enrique Fernández, o vicepresidente primeiro, Manuel Lagares, o vicepresidente segundo, Francisco García, e o voceiro dos Independentes, Xosé Luís García.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia