Skip to main content

O presidente da Xunta amosa a súa convicción de que a reforma estatutaria confirmará e consagrará a relevancia das políticas sociais e os dereitos dos cidadáns

“Os dereitos básicos deféndennos da exclusión social”. Deste xeito, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño defendeu a proxección e plasmación das políticas sociais e dos dereitos dos cidadáns no novo Estatuto de Autonomía de Galicia. Despois de expresar o seu convencemento de que o novo Estatuto terá en conta estas premisas, o titular do Goberno autonómico lembrou que cando os dereitos básicos non están garantidos, o único que se garante é a exclusión social.

O titular do Executivo galego fixo esta valoración no decurso da súa intervención na apertura do Congreso de Servizos Sociais Municipais. Neste foro, o presidente da Xunta defendeu que os concellos se doten, paulatinamente, dun espazo competencial cada vez máis sólido xa que, ao ser as entidades administrativas máis próximas aos cidadáns e coñecer de preto as súas necesidades, poden contribuír coa súa xestión á implantanción de servizos sociais máis eficaces.

Neste sentido, o titular da Xuta lembrou a “aposta sen precedentes polo municipalismo” impulsada polo seu Goberno e concretada no Pacto Local. Froito deste impulso, vén de crearse na Comunidade Autónoma o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que Touriño definiu como “novidosa fórmula de xestión” que fixa a colaboración da Xunta e os concellos galegos na “dirección, avaliación e xestión dos servizos sociais de ámbito local”.

Tal e como lembrou o presidente da Xunta, este consorcio incorporará, dentro desta fórmula de xestión coparticipada, máis de 300 centros sociais en toda Galicia e permitirá a creación doutros 160 novos centros no ámbito da igualdade e o benestar.

Políticas sociais máis activas

Touriño lembrou, así mesmo, que o Goberno galego incrementou considerablemente neste ano 2006 o gasto público social. “Incrementamos nun 13,7 por cento a partida destinada a políticas sociais, que contan con 435,13 millóns de euros. Así mesmo, os servizos sociais rexistran un alza do 15,1 por cento, situándose nun orzamento de 242 millóns de euros”, dixo Touriño, quen indicou ademais que a Xunta está a desenvolver unhas políticas sociais máis “activas” e “solidarias” e destinadas a promover a igualdade de oportunidades.

Dentro desta procura da igualdade e de defensa dos dereitos das mulleres, colectivo que Touriño sinalou como especialmente vulnerable e que sofre “as insuficiencia do Estado de Benestar”, o presidente da Xunta afirmou que a recente sinatura do Acordo Interinstitucional para a mellora da atención ás mulleres vítimas da violencia de xénero repercutirá favorablemente na atención ás vítimas e na coordinación dos departamentos implicados na prevención desta “lacra social”.

Mellora dos servizos sociais

Ademais de resaltar a relevancia do Acordo Interinstitucional, o presidente da Xunta detallou minuciosamente outras melloras en materia de políticas sociais que está a desenvolver o Goberno que preside co fin de reducir o enorme atraso herdado. Así, sinalou a recén constituída Rede Galega de Escolas Infantís como unha iniciativa que permitirá poñer en marcha un total de 75 centros deste tipo en Galicia durante os dous próximos anos.

Paralelamente, o Executivo autonómico traballa na posta en marcha dunha Rede Galega de Información ás Mulleres, xa que só 72 dos 315 municipios galegos contan cun Centro de Información para mulleres. Esta rede permitirá, en verbas de Touriño, axudar a paliar este déficit e promover o acceso, en condicións de igualdade e con indepencia do lugar de residencia, aos servizos de información e asesoramento para todas as mulleres galegas.

Por outra banda, Emilio Pérez Touriño indicou que a Lei Galega para a Inserción Laboral das Mulleres, que vén de ser anunciada no Parlamento, establecerá “medidas concretas” para a consecución da igualdade entre mulleres e homes no ámbito laboral. Este proxecto legal determina, segundo Touriño, “liñas específicas como o recoñecemento da conciliación da vida persoal, familiar e laboral; a corresponsabilidade; a promoción da igualdade nas empresas; e a participación das mulleres nos órganos de dirección desde unha óptica de transversalidade e de perspectiva de xénero”.

O titular do Executivo galego quixo tamén deixar constancia do seu compromiso, como presidente da Xunta de Galicia, de acompasar o traballo do Goberno galego de cara a implantación e desenvolvemento en Galicia da Lei de Dependencia, aprobada recentemente polo Consello de Ministros. “Esta Lei confirmarase como o cuarto piar do Estado Social. Conlevará un notable incremento orzamentario que, sen dúbida, axudará a minorar o noso déficit social e a camiñar na necesaria converxencia coa Unión Europea”, valorou Pérez Touriño.

Segundo indicou o propio titular da Xunta, o Goberno galego traballa tamén na posta en marcha un Plan de Mellora Integral dos Centros Públicos de Persoas Maiores e vén de configurar e dar forma a unha Carta de Servizos Universais para a Rede Pública dos Centros de Persoas Maiores. Este documento establece un marco de referencia que reflicte os dereitos das persoas usuarias e os compromisos mínimos de calidade na prestación dos servizos.

Seguir avanzando

Touriño avogou por “seguir avanzando” na procura de maiores servizos sociais para a cidadanía. Nesta liña, anunciou a reforma da Lei Galega de Servizos Sociais e a creación do Instituto Galego de Servizos Sociais.

Para finalizar, o mandatario autonómico quixo lanzar unha proposta para que todos os cidadáns traballen para acadar un Pacto pola Igualdade e a Solidariedade seguindo as máximas que concentra o eslogan do Congreso de Servizos Municipais, inaugurado hoxe na Coruña, e que son proximidade, eficacia e calidade, e engadindo a de creatividade, cualidade “decisiva” e que marca as diferenza dentro das sociedades contemporáneas.

Na inauguración do congreso tamén participaron o alcalde da Coruña, Javier Losada; o presidente da Comisión de Servizos Sociais da FEMP, Fernando Martínez Maíllo; o presidente da FEMP, Eliodoro Gallego Cuesta; e o delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia