Skip to main content

Emilio Pérez Touriño sinala a consecución dunha maior eficiencia enerxética e a aposta polas enerxías renovables como os eixos da política enerxética da Xunta

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, referiuse á política enerxética que desenvolve o seu Goberno, no decurso da súa intervención nunha Xornada sobre Industria e Enerxía, promovida pola Confederación de Empresarios de Galicia. En opinión de Touriño, “a situación actual do mercado enerxético require unha actuación firme e convencida da Xunta de Galicia nese ámbito, definindo unha política enerxética eficaz”. Como eixes da política enerxética da Xunta, o presidente galego citou a consecución dunha maior eficiencia neste campo e a diversificación das fontes de enerxía primaria, apostando polas enerxías renovables.

Emilio Pérez Touriño defendeu a existencia dun mercado enerxético aberto porque favorece a economía, a través dos prezos, asegura os servizos e o consumo e contribúe á mellora do medio ambiente. “Esta é, sen dúbida, a aposta na que estamos e á que non debemos renunciar”, asegurou.

Eficiencia enerxética

En aras a lograr o aforro e a eficiencia enerxética o Goberno galego formalizou, a través do INEGA, varios convenios de colaboración co Ministerio de Industria. Segundo salientou Touriño, a eficiencia enerxética non é senón o uso intelixente da enerxía. Acadar esta eficiencia, tal e como indicou o presidente galego, contribúe a avanzar nos tres piares básicos que debe guiar a política enerxética galega: garantir a subministración de enerxía; mellorar a competitividade da economía mediante a utilización eficiente dos recursos enerxéticos; e fomentar a protección medioambiental.

Para lograr a eficiencia enerxética Galicia debe, segundo o presidente da Xunta, conseguir un mellor balance enerxético en diversos eidos tales como a edificación ou o sector dos transportes e crear un mecanismo de difusión das estratexias exitosas de aforro enerxético.

Xunta e Ministerio de Industria están a traballar conxuntamente no impulso de iniciativas de aforro enerxético en diversos ámbitos. Neste sentido, o presidente do Goberno galego lembrou que existen convenios entre a Administración galega e a do Estado por valor de 16 millóns de euros para acadar este obxectivo.

Enerxías renovables

O presidente da Xunta sinalou o potenciamento das enerxías renovables como o mellor modo de competir coas enerxías fósiles. Ao contrario destas, as renovables teñen o valor engadido de ser “máis respectuosas co medio ambiente”. Tal e como indicou Touriño, o Goberno galego aposta firmemente por estas enerxías menos contaminantes, que reducen a dependencia das importacións do cru e que ofrecen novas oportunidade para diversificar as fontes de renda e emprego.

A aposta polas enerxías renovables contribuirá, así mesmo, a que Galicia se axuste aos canons marcados no Protocolo de Kioto, xa que na actualidade as emisións da Comunidade Autónoma superan nun 28 por cento o establecido neste protocolo.

Colmar as expectativas eólicas e manter a posición de vangarda
Dentro das enerxías renovables e debido á situación de Galicia, a enerxía eólica cobra unha especial relevancia. “Galicia é unha das rexións con mellor aproveitamento de recursos eólicos e queremos consolidar esta posición”, indicou Touriño, quen anunciou que en breve será publica unha Orde no Diario Oficial de Galicia para tramitar novas instalacións de enerxía eólica na Comunidade Autónoma.

“Con esta actuación a potencia eólica ascenderá en Galicia a uns 4.600 megavatios, o que supón acabar de executar os plans aínda vixentes, salientou o mandatario galego, quen indicou que “a continuación será o momento de emprender o deseño dun novo modelo de desenvolvemento para a enerxía eólica en Galicia e non temos que renunciar a colmar as nosas expectativas de acadar os 6.500 megavatios no 2012”, engadiu.

Neste sentido, Emilio Pérez Touriño avogou por seguir mantendo a posición de vangarda, lembrando que “Galicia foi pioneira no desenvolvemento da enerxía eólica no noso país”.

Finalmente, o titular da Xunta avogou porque Galicia traballe tamén noutros ámbitos de enerxías renovables como a solar, a biomasa –xa que Galicia é a primeira rexión española en canto a potencial de residuos forestais que poden ser usados para este fin-, e os biocombustibles.

Para rematar, Touriño anunciou que o Ministerio de Industria e a Xunta teñen establecido programas de axudas públicas ao investimento en novos proxectos de aproveitamento enerxético, encamiñadas a potenciar e incorporar as fontes de enerxía menos contaminantes, fomentando o aproveitamento dos recursos en enerxías renovables.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia