Skip to main content

Lugo e A Fonsagrada acollerán dúas etapas da Vuelta Ciclista a España 2005

A edición 2006 da Vuelta Ciclista a España terá para Galiza un significado especial. Hai once anos que esta proba non toca terras galegas, pero nesta ocasión dúas das súas etapas discorrerán pola provincia lucense. Así o anunciou Santiago Domínguez, director xeral para o Deporte, durante a súa comparecencia ante a prensa xunto cos representantes de Unipublic, Manuel Díaz –director comercial- e Javier Guillén –secretario xeral-.

O día dous de setembro deste ano, a Vuelta Ciclista chegará á cidade de Lugo procedente de Ponferrada, cun percorrido de 173 quilómetros. Ao día seguinte, 3 de setembro, domingo, a rolda partirá de A Fonsagrada con destino ao Alto de Cobertoira (Asturias), na que Manuel Díaz cualificou como “a etapa desta Vuelta”, de 206 quilómetros, xa que conta con seis portos (2 de terceira, 3 de primeira e 1 de categoría especial).

Ao acto de presentación asistiron, amais de Santiago Domínguez e os representantes de Unipublic, o alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco, o tenente alcalde de A Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Manuel Martínez. O director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez, agradeceu a Unipublic que despois de 11 anos a Volta volva a Galiza, “nun momento especialmente doce e importante para o ciclismo galego polo recente anuncio da creación do equipo galego profesional”. Pola súa parte, Manuel Díaz insistiu en que esta “é unha edición moi importante, máis aló do percorrido, polo reencontro da Vuelta con Galiza, tantos anos despois”.

Participación do equipo galego na edición do 2007

O director comercial de Unipublic afirmou que ía “romper unha lanza a favor do director xeral para o Deporte para que o equipo galego profesional poida participar na edición 2007 que partirá de Galiza, para o que Unipublic aportará todo o seu apoio”. En relación ao traballo realizado pola Dirección Xeral para o Deporte, o director de Unipublic recordou que “Santiago Domínguez fixo unha gran presión para que a Vuelta pasase este ano por Galiza cando o percorrido xa estaba pechado, exercendo o seu labor de galego de pro ata que conseguiu que agora esteamos aquí. Esta mesma presión e ese mesmo apoio –dixo- serán os que aportemos dende Unipublic para facer posíbel a participación do equipo galego na Vuelta 2007. Oxalá se poñan as cousas doadas para que así poida ser. Pola nosa parte comprometémonos a estudar esta petición con todo o cariño que se merece o novo equipo galego, que a bo seguro será un equipo de alto perfil, acorde con esta terra”.

Durante a rolda de prensa tamén se presentou a terceira edición da Vuelta Júnior, que se realiza en dúas fases, unha clasificatoria e outra final. Trátase dunha proba que se disputará paralelamente á Vuelta a España, e coa que se pretende impulsar a práctica do ciclismo entre os máis novos. Os participantes serán nenos e nenas nacidos nos anos 1993 e 1994, con residencia na provincia pola que transcorre o percorrido da Volta Ciclista a España. O secretario xeral de Unipublic, Javier Guillén, definiu esta proba como “a cara amable da Vuelta a España que achega o ciclismo aos nenos e nenas”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia