Skip to main content

A Xunta incentiva o consumo de peixe entre os escolares con actividades lúdicas

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos levará a cabo ao longo deste ano unha iniciativa de promoción de consumo de peixe entre os nenos galegos na que o apartado lúdico é o gran protagonista. Dende a sociedade española estase a
percibir o escaso interese que os nenos e nenas demostran polo peixe como parte das súas dietas. Consciente desta realidade, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos vén de pór en marcha unha serie de medidas destinadas a facilitar o coñecemento e consumo dos produtos do mar entre a poboación infantil co fin de equilibrar a súa alimentición.

Para a concreción desta actuación decidiuse apoiar a implantación do consumo dos recursos mariños nos centros de ensinanza galegos e para iso contouse coa colaboración das consellerías de Educación e Sanidade. Deste xeito, o Obradoiro de Motivación de Consumo de Peixe busca achegar dun xeito divertido e interesante aos escolares o mundo dos produtos pesqueiros.

Os destinarios desta campaña son os estudantes galegos dos primeiros ciclos de ensino, con especial atención os nenos e nenos con idades comprendidas entre os 8 e os 10 anos. O obxectivo xeral da campaña é o de vincular o feito de comer peixe a algo divertido, saboroso e por enriba de todo saudable. Ademais, e dado que os principias motivos do rexeitamento deste produto por parte dos nenos radica nas espiñas, a textura o aspecto e o sabor, fixáronse como obxectivos específicos, entre outros: Coñecer novos sabores e texturas de peixe que permitan aos nenos/as achegarse ao placer de comelo, coñecer o lugar onde se atopan as espiñas nas principias especies que consumen e utilizar os
instrumentos e técnicas que permitan separalas dándolle un sentido lúdico a este feito. Con isto preténdese desenvolver actitudes positivas cara o consumo de peixe.

Neste primeiro ano da campaña, actuarase en 19 centros de ensinanza da comunidade galega elexidos pola súa ubicación e por ter un comedor antendido por persoal da administración.

Actuacións en diferentes ámbitos

A experiencia piloto consiste nunha acción práctica, cun menú a base de peixe para todos os alumnos/as do centro que xanten no comedor escolar. Esta comida contempla a previa instalación duns paneis (tres grandes posters) explicando as propiedades do peixe, así como o reparto dun díptico a todos os alumnos/as ao inicio do xantar. É de destacar que o peixe para esta campaña será doado polas principais asociacións de armadores de Galicia, que contribúen deste xeito ao desenvolvemento do programa. A Sociedade Cooperativa do Mar de Santa Uxía de Ribeira, ABSA de Burela, Puerto de Celeiro, ARVI de Vigo e a Asociación de Armadores de Marín son as organizacións que participan nesta iniciativa. Mentres, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítmos será a responsable de organizar o traslado aos centros educativos do peixe debidamente fileteado e desespiñado para facilitar a labor dos profesionais do comedor.

A outra acción da campaña é un obradoiro dirixido a nenos/as entre os 8 e os 10 anos que, despois da comida e fóra do horario escolar, participarán nunha actividade de dúas horas de duración. Os rapaces recibirán material didáctico formado por un libro de receitas especialmente deseñadas para os pequenos/as “Receitiñas, receitiñas para a miña barriguiña”, un puzzle preparado para que os escolares aprendan o uso da pa de peixe e o garfo, e unha unidade didáctica “¡¡Uhmm………peixe!!”.

O obradoiro estará impartido por profesionais da docencia especialmente preparados para esta acción, que contan coa formación axeitada.

A mascota Raspiña, a grande estrela

Para facilitar a aceptación da campaña polos escolares deseñouse unha mascota para facer máis divertidas todas as accións desenvolvidas no marco deste proxecto. A Raspiña é un deseño galego e pretende facer do que menos gusta aos rapaces do peixe o máis divertido.

O desenvolvemento do programa terá lugar nos propios centros educativos ao longo de maio, outubro e novembro xa que son os meses onde permanecen
abertos os comedores dos centros escolares. Deste xeito, o número de
alumnos que participen no programa en 2006 será de 3.875, mentres que
os nenos que tomen parte nos obradoiros serán 800.

Colexios onde se desenvolverá a iniciativa

Grazas á colaboración das consellerías de Educación e Sanidade, nas provincias de A Coruña participarán na campaña de Pesca os centros de ensinanza: “Armando Cotarelo”, de Boimorto; “Arquitecto Casas Novas”, de A Sionlla (Santiago); “Número 1 Melide”, de Melide, e o “Barrié de la Maza”, de Santa Comba. Na provincia de Lugo, a iniciativa desenvolverase en “Otero Pedraio”, de Rábade; “San Xoán”, de Becerreá; “Eloisa Rivadulla”, de Chantada; “Juan Rey”, de Lourenzá, e “Castroverde”, de Castroverde. Na provincia de Ourense intervendrán os colexios “Condesa de Fenosa”, de O Barco de Valedoras; “José García García”, de Mende; “Sandiás”, de Sandiás; “Seixalbo”, de Ourense; “Princesa de España”, de
Ourense e “Rosalía de Castro”, de Xinzo. Por último, na provincia de Pontevedra traballarán nesta iniciativa os alumnos de “A Cañiza”, de A Cañiza; “Nosa Señora das Doreas”, de Forcarei”; “Xesús Golmar”, de Lalín, e “Sárdoma Moledo”, de Vigo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia