Skip to main content

Gómez-Reino destaca o impulso modernizador de Europa sobre a sociedade galega. Pérez Touriño comprométese a traballar arreo para que Galicia acade os niveis de desenvolvemento que lle permitan deixar de ser un país receptor da solidaridade europea

* O secretario xeral de Relacións Exteriores inaugurou en Santiago a Xornada Conmemorativa do día de Europa: as Comunidades Autónomas e o Dereito Comunitario
* O presidente da Xunta amósase confiado en que se vai lograr este obxectivo e salienta que a Comunidade galega xa ten “voz en Europa”
* Agradece as “grandes doses de solidariedade e de confianza” da Unión Europea a través dos fondos que “supuxeron unha importantísima inxección de recursos” para a Comunidade
* Salienta que Galicia aposta pola competitividade e o desenvolvemento sostible, consciente de que o “desenvolvemento sostible abre o camiño da converxencia”
* O presidente da Xunta presidiu esta mañá o acto institucional con motivo da Xornada Conmemorativa do Día de EuropaO secretario xeral de Relacións Internacionais, Santiago Gómez-Reino, destacou o “rol impulsor da modernización que comporta o acervo comunitario” en Galicia. Na súa intervención na inauguración da Xornada Conmemorativa do día de Europa, que se celebrará ao longo desta mañá ho Hostal dos Reis Católicos, Gómez-Reino defendeu a “vixilancia comunitaria” e os “fondos europeos” como xeito de adecuar a comunidade galega a “estándares esixibles, non xa da UE, senón de calquera sociedade madura e adulta”.

Neste sentido, afirmou que na actualidade a lexislación comunitaria ha de considerarse como “unha particular constitución diaria e práctica para os operadores xurídicos, os axentes socioeconómicos e os actores públicos”, valorando a súa importancia como “factor de seguridade xurídica para os traballadores, consumidores, empresarios e cidadanía en xeral”.

Para poñer un exemplo “paradigmático”, Santiago Gómez-Reino, referiuse á sentenza que o Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas emitiu en decembro pasado condenando ao Estado Español por incumprimento da Directiva do ano 1979, relativa á calidade esixida ás augas para a cría de molusco, por non ter adoptado un programa de redución da contaminación nas augas da Ría de Vigo.

O secretario xeral de Relacións Exteriores asegurou que programa da redución da contaminación da ría examinado recentemente pola Xunta, que será obxecto de discusión os vindeiros días na Comisión Europea en Bruxelas, ao que cualificou como “un vector básico da economía galega”, “non existiría” sen a existencia de tal Directiva, da Comisión como guardiana dos Tratados, do Tribunal de Xustiza e dos fondos comunitarios.

Gómez-Reino apuntou que este é “un exemplo patente e positivo” do caracter modernizador de Europa, “denostado só por xentes ancoradas na defensa a ultranza de intereses persoais ou políticos claramente incompatibles co interese xeral da sociedade galega”.

Aplicación na realidade autonómica

As Comunidades Autónomas –explicou o secretario xeral de Relacións Exteriores- “teñen unha función primordial na chamada fase descendente” da aplicación do Dereito Comunitario “ben sexa transpoñendo Directivas ao Ordenamento xurídico interno mediante o exercicio das súas competencias lexislativas ou normativas, xa sexa como administracións executoras dos regulamentos“.

No entanto, manifestou que “todos somos conscientes dos problemas que plantea a aplicación do acervo comunitario, especialmente cando o seu esencial caracter uniformador entre en conflito coas peculiaridades que, reais ou virtuais, presentan as Comunidades Autónomas”. Particularmente, referiuse ás que dispoñen de “escasos medios ou non se dotaran dos necesarios para facer fronte á tarefa de executar, respectar e facer cabal e honestamente tal acervo e cando as axendas políticas priorizan obxectivos e intereses contrarios ao Dereito comunitario”.

Gómez-Reino lembrou que “a integración nas Comunidades Autónomas Europeas imprimiu un salto cuantitativo e cualitativo de enorme relevancia á hora de modernizar o noso país, de facer homologable o seu Dereito, a súa economía e as súas políticas coas dos países máis avanzados do noso entorno cultural”. Ao tempo, chamou a atención sobre os estándares de vida e os indicadores socioeconómicos acadados polo Estado español tamén neste proceso.

Para afondar nestas cuestións, invitou aos participantes neste encontro a debater sobre “as cuestións que se plantean ás Comunidades Autónomas na aplicación do acervo comunitario e sobre os xeitos e medios que se poden perfilar, mellorar e postular para a súa correcta aplicación sempre co obxectivo de seguir contribuíndo a facer avanzar a construción europea”.

Esta xornada, organizada pola a Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, a Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e a Fundación Galicia-Europa para conmemorar o Día de Europa, contará coa participación do subdirector xeral de Asuntos Institucionais da Unión Europea, Camilo Villarino Marzo; Gregorio Valero Jordana, do Servizo Xurídico da Comisión Europea; Marta Sobrido Priedo, profesora da Universidade da Coruña; o letrado do Servizo Xurídico Centrais do Goberno vasco, Juan Carlos Areizaga Hernández; avogada da Generalitat de Catalunya, Rosa María Díaz Petit, e a letrada da Dirección Xeral dos Servizos Xurídicos da Xunta de Castela e León, Susana Perandones Peidró, para estudar as responsabilidades das administracións autonómicas respecto da lexislación comunitaria.

Día de Europa

A elección do 9 de maio como Día de Europa determinouse en 1985 no Cumio de Milán. Os xefes de Estado e de Goberno participantes aprobaron que se conmemorara aquel 9 de maio de 1950 no que naceu o que hoxe se coñece como a Unión Europea. Nesta data, Robert Schuman e Jean Monet propuxeron en Paría crear unha institución europea supranacional encargada de administrar de xeito conxunto o carbón e o aceiro dun grupo de países.

Presidente da Xunta

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asumiu o desafío de traballar arreo para que a Comunidade galega acade os niveis de desenvolvemento que lle permitan deixar de ser receptor dos fondos da Unión Europea. Durante o acto institucional con motivo da celebración do Día de Europa, o titular do Goberno autonómico lembrou que, a pesar da incorporación de novos estados membros á UE, Galicia vai seguir sendo obxectivo da solidariedade europea durante os próximos anos, anos que considerou “decisivos para a nosa desexada converxencia con España e con Europa”.

“Ese é o noso desafío xustamente, é o noso reto para os tempos que veñen –asegurou-, que Galicia acade os niveis de desenvolvemento e benestar que nos permitan deixar de ser un país receptor da solidariedade europea. Cando iso ocorra –engadiu-, celebrarémolo, porque quererá dicir que o país avanzou, medrou e se fixo forte”.

Emilio Pérez Touriño incidiu na idea de que este “é o camiño” que terá que percorrer a sociedade galega, unha sociedade que, segundo sinalou, a través do Goberno da Xunta e do Goberno de España, “ten voz en Europa”. “Nos próximos anos xestionaremos importantes fondos comunitarios orientados á creación de riqueza e emprego mediante a investigación, o desenvolvemento e a innovación, mediante a educación e a formación”.

Neste sentido, o presidente da Xunta tamén agradeceu as “grandes doses de solidariedade e de confianza” que Galicia percibiu durante os anos de pertenza de España á Unión Europea, a través de diversos fondos que supuxeron “unha importantísima inxección de recursos destinados á modernización das nosas estruturas económicas e produtivas”.

“Digo máis –engadiu o mandatario galego-, Galicia, con España, recibiu da UE vocación de modernidade, compromiso con esa modernidade e compromiso coa adaptación permanente e cotián das nosas estruturas económicas, produtivas, sociais e administrativas ao proxecto de construción europea”.

Por iso considerou que, tan importante como a solidariedade da UE o é a propia capacidade de país para participar no proxecto europeo. “Máis importante que a solidariedade ou tan importante como a percepción de fondos é xustamente a capacidade como país para participar nun proxecto baseado nos mellores valores e nas mellores convicións”, subliñou. “Nas mellores prácticas económicas baseadas na aposta pola competitividade, a innovación, a educación e o desenvolvemento sostible. Esa é probablemente a mellor e máis fermosa acción da nosa participación no proxecto europeo”, engadiu, “aquilo que nos permitirá avanzar na senda, xustamente, da protección das nosas rías, da recuperación do noso territorio, da aposta pola calidade e pola excelencia como futuro e como horizonte deste país”.

Aposta polo desenvolvemento sostible

Así mesmo, na súa intervención, Emilio Pérez Touriño quixo deixar patente o compromiso do Goberno galego cos obxectivos da Axenda de Lisboa, qua apostan por conxugar a competitividade, a cohesión e o medio ambiente.

“Ser europeo significa apostar decididamente pola innovación e o desenvolvemento tecnolóxico para avanzar na converxencia. Ser europeo significa tamén estar profundamente comprometidos co desenvolvemento sostible, como a vía para acadar máis e mellor emprego”, remarcou o mandatario galego.

Neste sentido, Pérez Touriño referiuse ao proceso de modernización que está e vai experimentar Galicia e no que se deben implicar todos os cidadáns da Comunidade, sendo conscientes, dixo, “de que o desenvolvemento sostible abre o camiño da converxencia”.

Compromiso da Xunta

Por último, o máximo mandatario autonómico, parafraseou as “proféticas palabras” de Víctor Hugo: “Chegará un día no que todas as nacións do continente, sen perder a súa idiosincrasia ou a súa gloriosa individualidade, se fundirán estreitamente nunha unidade superior e constituirán a fraternidade europea. Chegará un día no que non haberá outros campos de batalla que os mercados abríndose ás ideas. Chegará un día no que as bombas e as balas serán reemprazadas polos votos”.
“Que o soño romántico de Víctor Hugo siga sendo a realidade na que chegou a converterse; que Europa siga sendo Europa, é responsabilidade e tarefa de todos nós”, concluíu Emilio Pérez Touriño asegurando que “nunca faltará o compromiso e o alento da Xunta de Galicia e do seu presidente nesa tarefa fermosa e colectiva da construción europea”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia