Skip to main content

A EGAP pecha o seu primeiro ciclo de xuntanzas sobre urbanismo cunha reunión sobre a relación da poboación cos espazos públicos

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP), celebrou a súa terceira xuntanza do Grupo Interdisciplinar de Urbanismo e Cidadanía, na que se afondou na reflexión do estudio da cidade como espazo de relación entre cidadáns. Esta reunión, que estivo presidida por Antonio Izquierdo Escribano, director da EGAP, pecha un ciclo no que se teñen tratado as cidades e as áreas metropolitanas dende múltiples puntos de vista.

Nela analizáronse cuestións como a distribución e os usos do espazo urbano e os dereitos que os cidadáns teñen sobre el. Neste sentido, Izquierdo sinalou que se afondou na participación cidadá á hora de definir o espazo público, que vén marcado polo uso que fan del as persoas. Así, explicou, non se pode considerar que as urbanizacións sexan equivalentes ás cidades, nin que nelas haxa espazos públicos, xa que apenas hai relacións entre os veciños: “A xente converte os espazos en públicos por medio do seu uso, do roce e do disfrute”.

Na xuntanza participaron Francisco Jarauta, catedrático de Filosofía da Universidade de Murcia; Anna Alabart, profesora de Socioloxía da Universidade de Barcelona; Pilar Luaces e Sandra León, expertas en coordinación intergubernamental; e Xoaquín Álvarez Corbacho, catedrático de Facenda Pública da Universidade de Santiago de Compostela e concelleiro do Consello de Contas. Todos eles coincidiron en afirmar que “a dimensión política dunha cidade é tan importante coma a arquitectónica”.

Segregación urbana

Na reunión estudiouse tamén a maneira en que, nas áreas metropolitanas que están a xurdir coa evolución da sociedade, as poboacións se separan e crean os seus propios entornos. Segundo explicou o director da EGAP, existe unha segregación urbana na que a clase media se despraza cara ás urbanizacións e nas cidades fican as clases altas e baixas.

“Os novos espazos públicos xorden onde hai un sitio no que se reúne a xente –explicou Izquierdo-, e é importante que o poder político recoñeza este uso dos espazos que fan espontaneamente as persoas”.

Na xuntanza do Grupo Interdisciplinar concluíuse que “a cidade que lembramos non vai volver”, polo que hai que aprender a chamar ‘cidade’ aos novos usos e comunidades que xeran os habitantes, “que non van ser iguais que os das cidades dos séculos XIX e XX”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia