Skip to main content

Touriño anuncia que o II Plan Galego de Formación Profesional terá como obxectivos estratéxicos a xestión, a cooperación, a aprendizaxe e o desenvolvemento tecnolóxico

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, explicou que o II Plan Galego de Formación Profesional é o instrumento co que a Xunta está a traballar para conseguir unha formación axeitada ás necesidades do mundo produtivo, coa finalidade de facilitar unha inserción laboral inmediata e de calidade. No transcurso da súa intervención na inauguración do I Congreso Internacional de Formación Profesional, o presidente galego anunciou que o II Plan Galego de Formación Profesional ten catro obxectivos estratéxicos fundamentais: traballar na mellora da xestión, para rendibilizar os recursos humanos das empresas; fomentar a comunicación entre empresa e centros de formación; afondar na aprendizaxe permanente; e na incorporación a os nodos científico-tecnolóxicos.

Emilio Pérez Touriño indicou que os centros de Formación Profesional “teñen que avanzar na innovación, implantación e difusión de novos modelos de xestión e organización, favorecendo a implicación e a participación das persoas para superar aqueles atrancos que provocan freos á innovación”. A este respecto, sinalou que en Galicia xa existen centros de Formación Profesional certificados coa norma ISO 9001:2000 e outros en proceso de certificación, o que indica que “xa estamos no bo camiño”.

De igual xeito, o máximo mandatario galego subliñou a importancia que vai ter a cooperación no Plan Galego de Formación Profesional, unha cooperación entendida como medio máis axeitado para crear, difundir e innovar. “Cooperación que cristaliza en Galicia nun instrumento pioneiro para acadar unha maior participación e corrresponsabilidade dos axentes sociais no referente á formación profesional; falo –dixo Touriño- das Comisión Sectoriais da cualificación e formación profesional”.

O presidente da Xunta considerou de “especial relevancia” que os centros de formación profesional e as empresas do seu contorno teñan unha estreita colaboración. “Neste marco os futuros Centros Integrados de Formación Profesional teñen que ser quen de liderar novas canles de cooperación e vinculación coas empresas”, sinalou. “Na medida en que esta conexión centro-empresa funcione estaremos máis capacitados para competir”, engadiu.

Aprendizaxe permanente

Na súa intervención, o mandatario autonómico referiuse ao terceiro ámbito que vai primar o Plan Galego de Formación Profesional: a aprendizaxe, “un elemento central da estratexia de Lisboa” e fundamental non só para a competitividade e a empregabilidade, senón tamén para a innovación, a inclusión social e o desenvolvemento persoal.

Dado que se trata dun “concepto flotante”, Pérez Touriño considerou necesario incrementar o investimento nas persoas e nos coñecementos, promover a adquisición de capacidades básicas e incrementar as oportunidades de acceder a formas de aprendizaxe innovadoras e flexibles. “Temos que ofrecer ás persoas de todas as idades a mesma posibilidade de acceder libremente a unha aprendizaxe de calidade e a diferentes experiencias de aprendizaxe”, sinalou.

O último dos campos onde vai incidir o Plan Galego de Formación Profesional é o desenvolvemento tecnolóxico, unha peza “clave” para mellorar a competitividade. Nesta liña, Emilio Pérez Touriño avogou porque a Rede de Centros Integrados de Formación Profesional xogue un “papel preponderante na innovación da didáctica da formación profesional galega”, e facilite o achegamento da pequena empresa á participación en proxectos conxuntos de I+D+i.

Pero ademais dos esforzos “que estamos a desenvolver e aos proxectos en curso cara adaptar os sistemas educativos e de formación”, sinalou Touriño, para “coroar con éxito” a estratexia de Lisboa é preciso “traballar conxuntamente desde todos os ámbitos implicados na formación e no emprego, para definir estratexias autenticamente coherentes e globais en materia de educación e formación permanentes, garantindo a interelación eficaz de todos os ámbitos da cadea de aprendizaxe”, concluíu.

Igualdade de oportunidades no mercado europeo

Por último, o xefe do Executivo galego por unha formación profesional baseada na competencia profesional e na cualificación. “Unha formación profesional que se constitúa nun potencial importantísimo para ofrecer á poboación a formación que demande en calquera momento da súa vida”, sinalou. Neste sentido, lembrou que, mentres non exista un marco europeo de referencia común para o recoñecemento das cualificacións profesionais, “o mercado de traballo europeo non poderá funcionar de maneira eficaz e fluída”.

“A igualdade de oportunidades no mercado de traballo europeo e o desenvolvemento da cidadanía europea dependen tamén das posibilidades que teñan os europeos de que se recoñezan os seus títulos e certificados en calquera lugar da Unión”, sinalou.

Por iso avogou pola creación dun Sistema Nacional de Cualificacións. “Desde a Xunta de Galicia apostamos, claramente, pola implantación dun Sistema Nacional de Cualificacións” que ofertará unha formación axeitada ás necesidades do mundo produtivo, a facilitar unha inserción laboral inmediata e de calidade e a conseguir a integración dos tres subsistemas da formación profesional”, concluíu.

Aposta pola modernización

Pola súa banda, o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, insistiu na aposta da administración autonómica galega pola formación profesional e pola súa modernización, e na consecución deste obxectivo, sinalou, “apoiámonos en tres piares básicos: a necesaria colaboración cos axentes sociais, o traballo das Comisións sectoriais de cualificación e formación profesional, e un terceiro elemento de apoio é o Observatorio do Instituto Galego das Cualificacións, sen esquecer a importancia que a orientación laboral ten dentro do sistema”. Varela salientou a importancia das reflexións e propostas que se acaden neste Congreso, na liña de mellorar os esforzos realizados, “que permitirán seguir avanzando para que Galicia poida converxer con Europa no ano 2010 e sexamos un referente de calidade a nivel mundial”.

Así mesmo, a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, sinalou que “a Formación Profesional ten que ser un referente en termos de competitividade, calidade e innovación” no camiño de cara á súa conversión “na vía principal de acceso a un mercado cada vez máis cambiante, que precisa de profesionais cualificados e capaces de responder á evolución, innovación e especialización que o caracterizan”.

Laura Sánchez Piñón destacou a necesidade da “implicación dos profesionais e dos centros de FP” representados no Congreso para “plantexarnos o reto de situar a Formación Profesional en Galicia nunha posición de excelencia dentro dos países do noso contorno”. Neste senso, a máxima responsable educativa autonómica destacou que este I Congreso Internacional de FP servirá para “establecer unha plataforma de análise e intercambio de experiencias a nivel europeo”, co obxectivo de “situar a actual Formación Profesional nun contexto económico e social cada vez máis competitivo e esixente no que os campos formativos e produtivos teñen cada vez máis puntos en común”.

José Manuel Galvín Arribas: Os novos retos da Formación Profesional na UE
A conferencia inaugural do I Congreso Internacional de Formación Profesional correu a cargo de José Manuel Galvín Arribas, representante do Centro Europeo para o Desenvolvemento da Formación Profesional (CEDEFOP). Así, baixo o título de Os novos retos da Formación Profesional na UE, Galvín Arribas fixo un percorrido polos distintos consellos celebrados desde o ano 2000 nos que os responsables de educación dos países participantes estableceron as liñas básicas e os retos aos que se deben enfrontar os sistemas de educación e formación en Europa.

Neste senso, Galvín Arribas destacou que no Consello de Helsinki, que terá lugar este ano, traballarase de cara a establecer pontes e conexións entre a FP e a educación superior; a conectar a Formación Profesional ao mercado de traballo; á acadar a integración social dos desfavorecidos; ao tempo que se abordará a necesidade de dotar de maior inversión e financiamento á Formación Profesional. Ademais, José Manuel Galvín Arribas referiuse ás medidas como o Marco Europeo de Cualificacións (EQF), os programas de mobilidade ou a activa participación dos axentes sociais no mundo do emprego como “os elementos que están dotando de maior coherencia e visibilidade á necesidade de fomentar a aprendizaxe ao longo da vida entre os cidadáns”.

Discurso de inauguración do presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño:

Excmo. Sr. Alcalde
Excma. Sra. Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria
Excmo. Sr. conselleiro de Traballo
Excmas e ilmas autoridades
Señoras e señores

Como de sobra é sabido, a sociedade actual atópase inmersa nun proceso acelerado de cambio. O desenvolvemento das tecnoloxías da información e a comunicación, e factores como a globalización e a competitividade, propiciaron a transformación dunha sociedade industrial e o paso a unha sociedade da información e do coñecemento marcada polo cambio en todos os seus sectores.

O impacto das tecnoloxías e as esixencias da sociedade actual vanse facendo notar en todos os ámbitos da sociedade (económico, político, social, cultural...) e tamén alcanzan, como non podería ser doutro xeito, ao contexto educativo e ao empresarial.

As novas formas organizativas reclaman novas demandas de coñecementos aos traballadores e aos empresarios, o que fai necesaria a implantación dun sistema de Formación Profesional que propicie que os coñecementos de traballadores e empresas se manteñan actualizados e se readapten permanentemente ás necesidades do cambiante mercado laboral.

Convén lembrar que o Consello Europeo de Lisboa, celebrado en marzo de 2000, en resposta a todos estes cambios provocados pola nova economía, adoptou un obxectivo estratéxico importante: antes de concluír o 2010 a Unión tería que “converterse na economía baseada no coñecemento máis competitiva e dinámica do mundo, capaz de crecer economicamente de xeito sostible, con máis e mellores empregos e con máis e maior cohesión social”.

Así mesmo, o Consello sinalou que eses cambios esixían non só “unha transformación radical da economía europea, senón tamén un programa ambicioso de modernización do benestar social e dos sistemas educativos”.

Estamos, por iso, ante un claro recoñecemento por parte das institucións europeas do importante papel que desempeñan os sistemas educativos e de formación dentro da estratexia económica e social en relación ao futuro da Unión Europea.

Deste xeito, Galicia, como parte integrante e viva da Unión Europea, está a facer todos os esforzos necesarios para non perder o tren do 2010 e adaptar os seus sistemas educativos e de formación a esa nova sociedade e ese novo reto.
Quero expresar, neste intre, que xa estamos implantando políticas en consonancia estreita coas políticas estatais e europeas para que sexan o máis eficaces e útiles, co obxecto de converxer en materia de emprego e de igualdade. Teño, neste senso, o convencemento de que Galicia terá un papel relevante no debate e elaboración do proxecto de Real Decreto sobre Formación Profesional.

Sempre manterei unha premisa básica: as persoas son e constitúen o noso principal activo, polo que o investimento en capital humano cara á mellora do nivel e a calidade da súa formación serán esenciais tanto para que Galicia ocupe un lugar na economía baseado no coñecemento como para garantir que esta nova economía non incremente os problemas sociais existentes de desemprego, exclusión social e pobreza.

Como teño dito, o mellor camiño para chegar a este obxectivo é, sen dúbida, a educación e a formación para a vida e o traballo na sociedade do coñecemento, que pasa pola adaptación ineludible dos sistemas de educación e formación.
Estes deberán ofrecer oportunidades de aprendizaxe adaptadas a grupos destinatarios en diversas etapas das súas vidas: a mocidade, adultos parados e ocupados que corren o risco de ver as súas cualificacións desbordadas por un proceso de cambio rápido do mercado laboral. Estamos falando dunha Formación Profesional baseada na competencia profesional e na cualificación.

Unha Formación Profesional, tanto regrada, ocupacional como continua, que se constitúa nun potencial importantísimo para ofrecer finalmente á poboación a formación que demande en calquera momento da súa vida.

Neste senso é importante sinalar que o mercado de traballo europeo non poderá funcionar de maneira eficaz e fluída mentres non exista un marco europeo de referencia común para o recoñecemento das cualificacións profesionais.

Esta cuestión ten tamén importantes resonancias sociais e cívicas: a igualdade de oportunidades no mercado de traballo europeo e o desenvolvemento pleno da cidadanía europea dependen, tamén, das posibilidades que teñan os europeos de que se recoñezan os seus títulos e certificados en calquera lugar da Unión.

Dende a Xunta de Galicia apostamos, claramente, pola implantación dun Sistema Nacional de Cualificacións, que levará a ofertar unha formación axeitada ás necesidades do mundo produtivo, a facilitar unha inserción laboral inmediata e de calidade e a conseguir a integración dos tres subsistemas da Formación Profesional.
A base para isto é o Catálogo Nacional de Cualificacións, que fixa o referente formativo tanto para a Formación Profesional inicial como para a Formación Profesional ocupacional e continua.

Intentando camiñar nesta dirección, en xaneiro deste ano a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria e o conselleiro de Traballo propuxeron, no Pleno do Consello Galego de Formación Profesional, a elaboración do II Plan Galego de Formación Profesional, indicando que este plan permitirá aproveitar ao máximo os recursos do país para mellorar as competencias profesionais dos galegos e galegas e a competitividade das empresas, creando un marco de diálogo, participación e consenso no referido ás políticas relacionadas coa formación e o emprego en Galicia.

Permitirá, como digo, artellar tamén actuacións diversas desde a concepción global e integrada das cualificacións, a formación e a orientación profesional, contemplándose dende o Goberno galego como unha estratexia de adaptación das estruturas vixentes aos novos cambios, concibíndoo como un conxunto de actuacións relacionadas coa política de cualificacións e de Formación Profesional da poboación galega e como un proxecto que contemplará necesariamente as estratexias que permitan avanzar no camiño dese reto nacional, dese reto como país da converxencia con Europa no horizonte do ano 2010.

A elaboración deste plan necesita da axuda e da implicación activa de todos os colectivos implicados en materia de formación, principalmente dos axentes sociais. Por iso, tan importante como a propia iniciativa, é traballar de xeito compartido, concertado e coordinado.

Este II Plan Galego de Formación Profesional contará cunha serie de obxectivos estratéxicos vinculados con catro ámbitos:

A xestión:

Non podemos innovar ou xestionar a innovación se antes non apostamos pola innovación da xestión.

Innovar na xestión é procurar o mellor aproveitamento dos recursos dunha empresa, especialmente dos recursos humanos, xa que estes constitúen un dos maiores activos das empresas.

Neste contesto os Centros de Formación Profesional teñen que avanzar na innovación, implantación e difusión de novos modelos de xestión e organización, favorecendo a implicación e a participación das persoas para superar aqueles atrancos que provocan freos á innovación.

En Galicia temos xa centros de Formación Profesional certificados na norma ISO 9001:2000 e outros en proceso de certificación; isto quere dicir que xa estamos no bo camiño. Este é unha das rutas polas que temos que seguir avanzando con firmeza.

A cooperación como segundo ámbito do Plan Galego de Formación Profesional:

A cooperación entendida como o medio máis apropiado para crear, difundir e innovar. Cooperación que cristaliza en Galicia nun instrumento pioneiro para acadar unha maior participación e corresponsabilidade dos axentes sociais no referente á Formación Profesional; falo das Comisións Sectoriais da cualificación e Formación Profesional.

Polo tanto, considero importante e de especial relevancia que os centros de Formación Profesional e as empresas do seu contorno teñan unha estreita colaboración.

Neste marco os futuros Centros Integrados de Formación Profesional teñen que ser quen de liderar novas canles de cooperación e vinculación coas empresas. Estes centros, que potenciarán sen dúbida a Formación Profesional, destacarán, entre outros, elementos vitais como a orientación laboral e a formación do profesorado de Formación Profesional.

Na medida en que esta conexión centro-empresa funcione estaremos máis capacitados para competir.

Permítanme que, neste intre, comparta con todos vostedes unha reflexión que, considero, axuda a seguir facendo país. Eu son da opinión de que a mellora da Formación Profesional redundará sen dúbida nunha mellora na calidade do emprego.

Un dos compromisos do Goberno galego foi incrementar o investimento en Educación e, polo tanto, en Formación Profesional. E isto xa é así, porque unha mellor Formación Profesional facilitará aos traballadores galegos óptimas cualificacións para adaptarse ao cambiante mundo laboral e á realización de novas actividades.

Por iso defendo que esta cooperación entre os ámbitos formativos e empresariais promoverá un modelo baseado na xeración de alto valor engadido, apostando por traballadores cualificados e implicados nos proxectos empresariais; é dicir, traballadores de alta produtividade en empresas competitivas.

Referireime, agora, á aprendizaxe permanente como terceiro ámbito do Plan:
A aprendizaxe permanente é un elemento central da estratexia de Lisboa, fundamental non só para a competitividade e a empregabilidade, senón tamén para a innovación, a inclusión social e o desenvolvemento persoal.

A aprendizaxe permanente abrangue actividades destinadas á formación persoal, cívica e social, así como outras destinadas ao emprego, e ten lugar en diferentes contornos, dentro e fóra dos sistemas de educación e formación habituais.
A aprendizaxe é, pois, un concepto flotante que non está enmarcado nin en determinados contidos nin en espazos concretos.

Para facelo realidade será necesario incrementar o investimento nas persoas e nos coñecementos, promover a adquisición de capacidades básicas, incluídas as competencias informáticas elementais, e incrementar as oportunidades de acceder a formas de aprendizaxe innovadoras e flexibles.

Temos que ofrecer ás persoas de todas as idades a mesma posibilidade de acceder libremente a unha aprendizaxe de calidade e a diferentes experiencias de aprendizaxe.

Así mesmo, e conscientes da importancia dun seguimento continuado da evolución da formación, resulta moi acertado mencionar a experiencia do Instituto Galego das Cualificacións, que a través do seu Observatorio Ocupacional, vén desenvolvendo unha análise continuada da oferta, a demanda e a contratación do mercado de traballo, proporcionando unha información vital acerca da evolución das ocupacións e do tecido produtivo galego.

E o último ámbito do Plan Galego de Formación Profesional ao que me referirei é ao desenvolvemento tecnolóxico:

A incorporación progresiva aos nodos cientifico-técnolóxicos é un reto para os centros de Formación Profesional e as empresas.

A participación en proxectos de I+D+i é a clave para mellorar a competitividade, ademais dun indicador do compromiso coa innovación.

Neste marco, a Rede de Centros Integrados de Formación Profesional ten que xogar un papel preponderante na innovación da didáctica da Formación Profesional galega.

E tamén como facilitadora do achegamento da pequena empresa a participación en proxectos conxuntos de I+D+i.

Así e todo, ademais dos esforzos que estamos a desenvolver e aos proxectos en curso cara a adaptar os sistemas educativos e de formación, para coroar con éxito a estratexia de Lisboa, é necesario traballar conxuntamente dende todos os ámbitos implicados na formación e no emprego, para definir estratexias autenticamente coherentes e globais en materia de educación e formación permanentes, garantindo a interacción eficaz de todos os ámbitos da cadea da aprendizaxe.

Quero ir rematando. Como presidente da Xunta de Galicia teño o convencemento de que ao longo deste congreso, no que contamos coa presenza de prestixiosos relatores, algúns deles procedentes doutros países da Unión Europea, afondaremos no novo e necesario papel da Formación Profesional como instrumento de aprendizaxe ao longo da vida laboral e nas súas perspectivas cara á converxencia con Europa no horizonte do 2010. Sen dúbida, este é o reto.

Por iso quero expresar a miña felicitación pola organización deste congreso, agradecer a súa colaboración e presenza e transmitirlles a miña fonda satisfacción por participar na inauguración deste I Congreso Internacional de Formación Profesional.

Queda, polo tanto, inaugurado o congreso.
Moitas grazas.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia