Skip to main content

O Instituto Galego de Consumo prestará asesoramento legal aos afectados polo presunto fraude de Afinsa e Forum Filatélico

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, anunciou que o departamento que dirixe, a través do Instituto Galego de Consumo (IGC), prestará asesoramento legal aos afectados polo presunto fraude que se está a investigar nas sociedades Forum Filatélico e Afinsa. A preguntas dos xornalistas no Parlamento galego, Blanco avanzou que responsables da consellaría reuniranse co Instituto Nacional de Consumo para analizar o caso e “arbitrar as medidas que sexan necesarias para intentar axudar á resolución desta situación”.

O conselleiro explicou que nesta reunión recabarase toda a información “sobre a situación real” xa que, polo momento, segue declarado o segredo de sumario sobre a investigación que se está a desenvolver, e explicou que o venres, xa coa información obtida na reunión co Instituto Nacional de Consumo, o IGC porá a disposición de todos os afectados un teléfono de información onde se lles intentará dar resposta a todas as cuestións que plantexen. O número de información que estará operativo a partires do 12 de maio é o: 900 23 11 23.

“A partires de aí –engadiu– prestaremos, ás diversas asociacións que seguramente se van configurar, asesoramento legal dende o Instituto Galego de Consumo”. Blanco dixo tamén que o seu departamento xa está a traballar na análise do número de inversores afectados en Galiza “e en que importes”, aínda que comentou que polo momento non hai datos oficiais sobre esta cuestión.

O conselleiro nacionalista explicou que ámbalas dúas empresas teñen a súa sede social en Madrid polo que a autoridade competente para os efectos de remisión das auditorías correspondentes (por parte destas empresas) serían as autoridades de consumo de Madrid.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia