Skip to main content

Unha exposición fotográfica, entre as actividades centrais que o CGAI levará a cabo para pór en valor o patrimonio de Cortázar

O secretario xeral de Comunicación da Xunta, Fernando Salgado, anunciou a posta en marcha no Centro Galego de Artes da Imaxe dunha exposición fotográfica sobre o escritor arxentino Julio Cortázar. Salgado anunciou ademais o conxunto de actuacións que o CGAI vai levar a cabo para potenciar e pór en valor o legado de Cortázar, despois de que á súa primeira muller o doara ao centro a finais do pasado ano.

As actuacións están encamiñadas, como destacou Fernando Salgado, a pór en valor o rico arquivo fílmico e fotográfico de Cortázar, “un patrimonio que se debe ao patriotismo e xenerosidade de Aurora Bernárdez”, primeira muller do escritor.

O conxunto de actuacións que se levarán a cabo relacionadas coa figura do autor de Rayuela teñen como acto central unha exposición fotográfica de Cortázar que incorporará numeroso material inédito. Trátase, segundo explicou o secretario, dun despregue audiovisual que se emprazará en Santiago, se ben se traballa para que poida percorrer o resto de Europa. O comisariado da exposición correrá a cargo dun dos membros do CGAI, Rocío Santacruz.

A exposición contará cos fondos que a muller do escritor arxentino decidiu doar a finais do pasado ano ao centro. Entre eles, atópanse probas gráficas da visita que Cortázar fixo a Lourido, na provincia de Pontevedra, no ano 1957. Tratarase, pois, de facer un percorrido polo Cortázar home e o creador con fotos inéditas das que agora dispón o centro. Contará con fotografías artísticas e documentais, así como cunha selección de películas super 8 que o CGAI decidiu dixitalizar.

Outras actuacións

Amais desta actuación, O CGAI ten previsto levar a cabo a publicación de dous libros. Un deles estará referido ao mundo galego de Cortázar, onde se recollerán fotografías inéditas e cartas escritas por el. A segunda das publicacións será o catálogo de exposición que resumirá o legado do que dispón o CGAI cedido por Aurora Bernardez.

O secretario xeral de Comunicación falou tamén da organización dun ciclo de cine que se desenvolverá en Santiago, A Coruña e Vigo con películas que toman a obra do escritor como base. Neste senso, informou de que se está a rodar unha película documental na que a figura central será Aurora Bernárdez. Fernando Salgado indicou que o filme tomará como escenarios París, Galicia e Bos Aires.

Por último, o secretario xeral de Comunicación, anunciou que se promoverán xornadas, conferencias e mesas redondas para recuperar e potenciar a vertente galega de Cortázar, ao tempo que salientou que traballan para que participen persoeiros tan relevantes como Mario Vargas Llosa ou Carlos Fuentes.

Con este conxunto de actividades que o CGAI desenvolverá en colaboración coa Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e a Secretaría Xeral de Comunicación preténdese, segundo indicou Fernando Salgado, “demostrar que a cultura galega non pode ser algo endogámico, autárquico ou pechado senón que hai que abrir fiestras e darlle un carácter de universalidade”.

Relacións de Cortázar con Galicia

O secretario xeral de Comunicación quixo facer unha enumeración sobre os lazos que vencellan ao escritor arxentino coa comunidade galega. Neste senso, Salgado destacou a relación cos exiliados galegos republicanos como Luis Seoane, Lorenzo Varela ou Arturo Cuadrado, co editor Francisco Porrúa e a propia Aurora Bernárdez como artífices deses vínculos entre o escritor e Galicia.

No acto, o secretario xeral estivo acompañado pola coordinadora das publicacións e comisaria da exposición sobre Cortázar, Rocío Santacruz, e polo director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia