Skip to main content

Chega aos centros de ensino o programa Cine para convivir co obxectivo de promover a educación audiovisual en lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Secretaría Xeral de Comunicación, o Consorcio Audiovisual de Galicia e o Seminario Galego de Educación para a Paz poñen a disposición dos centros educativos filmes e guías didácticas en galego. A iniciativa forma parte das actividades programadas con motivo do Día das Letras Galegas.

As películas P3K: Pinocho 3000 e Heroína de Gerardo Herrero, coas súas respectivas guías didácticas , serán distribuídas gratuitamente a todos os colexios e institutos públicos e privados de Galicia. O proxecto “Cine para convivir” persegue que os centros educativos promovan a alfabetización audiovisual, ademais dunha educación para a convivencia e a cidadanía democrática; aspectos nos que segundo apuntou a secretaria Xeral de Política Lingüística, Marisol López, a lingua xoga un papel clave.

López explicou que, dado que “o cine constitúe unha das industrias culturais con maior poder de difusión, actividades coma esta serán prioritarias á hora de promover o uso do galego nas aulas”.

As guías que acompañan estes filmes levan unha ficha técnica e unha sipnose argumental para apoiar o traballo dos docentes nas aulas. Na presentación do material, o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, referiuse ao audiovisual “como un sector estratéxico, motivo polo que as institucións teñen a obriga de facilitar o seu coñecemento”.

Neste sentido, a distribución de produtos audiovisuais e cinematográficos en galego nos centros de ensino, nas bibliotecas da rede pública e nas asociacións e centros culturais constitúe unha das medidas do Plan de Normalización Lingüística aprobado no Parlamento autonómico en setembro de 2004.

Precisamente no marco da celebración do Día das Letras, ademais da distribución nos centros de ensino, a Secretaría Xeral de Política Lingüística xunto co Consorcio Audiovisual de Galicia fixo chegar estes e outros materiais audiovisual, a todos os centros de estudos galegos no exterior.
Gabinete de Comunicación da Secretaría Xeral de Política Lingüística