Skip to main content

O Consello da Xunta acorda declarar deserta a concesión das licenzas de radiodifusión sonora dixital de ámbito autonómico e local

O Diario Oficial de Galicia publicara, o 20 de maio de 2005, anuncios de concurso público para outorgar estas concesións pero a Mesa de Contratación solicitou un informe que, nas súas conclusións, aconsella non outorgar estas licenzas, ante as circunstancias da radiodifusión sonora dixital en España no momento actual.

Unha vez rematado o prazo para concorrer á dita contratación, a mesa reuniuse para realizar as tarefas propias da tramitación nun procedemento licitador. Así, o acto público de apertura de ofertas técnicas celebrouse o 24 de xuño de 2005, de acordo co previsto no anuncio da licitación.

Porén, a Mesa de Contratación solicitou un informe que analiza a tecnoloxía
empregada e as condicións existentes na Comunidade Autónoma para o
desenvolvemento da radiodifusión sonora dixital. O informe analiza a evolución da
radiodifusión sonora dixital –DAB- e os acontecementos posteriores á convocatoria
pública. Segundo conclúe o informe, estes acontecementos desaconsellan a
introdución desta tecnoloxía no mercado radiofónico galego no momento actual. Esta resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada aos
interesados.

Estado da radiodifusión sonora dixital na actualidade

Segundo se indica no informe, malia que en España se dispón de tecnoloxía necesaria e dun marco xurídico regulado para a implantación da radiodifusión sonora dixital, os radiodifusores privados con licenza de emisión non están a apostar definitivamente polo sistema xa que, na actualidade, o parque de receptores existente nas casas é mínimo.

A DAB considérase un negocio nada rendible para os radiodifusores xa que posúe uns gastos de implantación e mantemento que non se ven recompensados por ingresos en concepto de publicidade pola escaseza de oíntes potenciais.

A diferenza do caso da Televisión Dixital Terrestre (TDT), a Radio Dixital (DAB) non é unha tecnoloxía de substitución e a transición do sistema analóxico ao dixital vai ser moito máis lenta e incluso, incerta, xa que se empeza a cuestionar o futuro desta tecnoloxía debido a mala recepción advertida en interiores, entre outros asuntos.

A escasa oferta de receptores de DAB domésticos no mercado e os altos prezos
destes aparatos, en comparación cos actuais receptores de FM, fan que o proceso de dixitalización no caso da radio sexa case que nulo. Ademais, non existe nin oferta nin demanda de vehículos con radio dixital.

Polo tanto, segundo conclúe o informe, a evolución do desenvolvemento da DAB non foi a esperada desde a publicación do concurso público en Galicia. Así mesmo, o feito de que o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio estea a planificar na actualidade novas frecuencias destinadas a FM, en lugar de apostar pola implantación da radiodifusión sonora dixital, fai pensar que o proceso se retardará. Dentro deste novo plan impulsado polo Ministerio de Industria, está previsto que se concedan unhas 100 frecuencias novas para Galicia.

Ademais, de acordo ao texto do informe, o Plan Técnico da DAB posúe erros
importantes como deixar fóra das demarcacións creadas a algúns concellos de Galicia ou incluír nunha mesma demarcación varios núcleos importantes como é o caso da Coruña e Ferrol ou Pontevedra e Vigo. Tanto o Ministerio de Industria como a Xunta de Galicia están á expectativa de que o novo plan emende estes erros.

Á vista das ofertas presentadas a concurso, un total de 100 concellos quedarían sen
DAB en Galicia. Polo tanto, gran parte da Comunidade Autónoma quedaría sen este
servizo público ou con el reducido, o que produciría unha discriminación na prestación do servizo de radiodifusión sonora dixital e afectaría directamente á pluralidade informativa. Por outra banda, as previsións económicas, no contexto actual, fan pensar que moitos dos proxectos son inviables economicamente.

Implantación escasaImplantación escasaImplantación escasaImplantación escasa
O informe conclúe que o intento de reordenación radiofónica mediante a implantación do DAB en España non parece ter conseguido o resultado esperado. Aparentemente sen o apoio dos operadores nin dos fabricantes dos equipos, o DAB foi esvaecéndose en España os últimos anos sen chegar a nacer nunca de forma definitiva. O parque de receptores DAB é anormalmente reducido e, a pesar de que as emisións comezaron, non está claro que exista unha audiencia real a quen dirixila. Ademais, nos últimos tempos a aparición doutros sistemas como o simulcasting permite a emisión simultaneamente en analóxico e dixital.

En consecuencia, a evolución do panorama da DAB e os acontecementos posteriores
á convocatoria aconsellan a non introdución desta tecnoloxía no mercado radiofónico galego no momento actual.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia