Skip to main content

Traballo e a Fiscalía de Galicia asinan un protocolo de coordinación para reducir as cifras de siniestralidade

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, e o fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela, asinaron un protocolo de coordinación entre a Consellería e a Fiscalía de Galicia, para levar a cabo unha investigación eficaz e rápida dos delictos contra a vida, a saúde e a integridade física dos traballadores, así como para a execución efectiva das sentencia condenatorias. “Unha actuación de carácter primordial para conseguir a reducción da sinistralidade laboral na Comunidade Autónoma”, segundo asegurou o responsable de Traballo.

As partes asinantes recoñeceron a súa vontade para conseguir un maior grao de eficacia na prevención de delictos contra a seguridade dos traballadores, dada a crecente preocupación social existente pola sinistralidade laboral e, configurar a cooperación para garantir a defensa e a proteción da seguridade e saúde dos traballadores. Deste xeito, a iniciativa estructúrase en dúas partes, por unha banda a relativa á colaboración no caso de accidentes laborais con resultado de morte ou lesións do traballador e por outro lado, a relacionada coa colaboración para a indagación de delictos de risco

Segundo se recolle no documento asinado, correspóndelles aos poderes públicos, de acordo co Estatuto dos Traballadores, deseñar un sistema eficaz de proteción da seguridade e saúde laboral no traballo, no que conflúen diferentes normativas de ámbito europeo, nacional ou autonómico, sen embargo, “esta tarefa dos poderes públicos non é posible realizala sen a colaboración de todos os axentes implicados na proteción: traballadores, empresarios, asociacións e axentes sociais”, declarou Ricardo Varela.

O responsable de Traballo mostrou a súa satisfación polo acordo asinado e declarou que “se trata dun paso máis cara a ese labor de control e vixilancia, no que se trata de coordinar a actividade administrativa e xudicial, para a persecución dos ilícitos en materia de seguridade e saúde laboral”.

Segundo recoñeceu Varela “hai moito camiño por andar en materia de prevención de riscos laborais. Nós tiñamos a sensación, antes de chegar ao goberno, de que o traballo da Fiscalía en relación cos accidentes de traballo era insuficiente ou desaproveitado, por iso hai dous anos eu mesmo presentei unha iniciativa no Parlamento para que houbera nas provincias Fiscalías especializadas nesta materia que puideran axudar a reducir os sinistros laborais e controlar a seguridade dos traballadores. Froito diso precisamente, esa iniciativa foi aprobada por unanimidade e se asinou un convenio para a especialización da Fiscalía en abril do ano pasado”.

Pola súa banda, o Fiscal Xefe do TSXG, Carlos Varela, declarou que “coa firma deste protocolo comezamos unha nova fase de coordinación e cooperación entre a Fiscalía e a autoridade laboral da Xunta, co obxectivo fundamental de reducir as cifras de sinistralidade laboral que se veñen producindo nos últimos anos na nosa comunidade autónoma. Rebaixar as estatísticas da sinistralidade se converte nun reto e nun desafío, e constitúe unha prioridade para o Ministerio Fiscal que creou para elo a figura dos fiscais especialistas nesta materia que van actuar de maneira coordinada a nivel provincial mediante reunións periódicas tanto coa inspección como cos delegados da Consellería de Traballo”.

Así, “para que non se perda ningún dos esforzos das distintas administracións neste ámbito”, o titular de Traballo apuntou como obxectivos prioritarios recollidos no convenio a tarefa de coordinar a actividade administrativa e xudicial, para a persecución dos ilícitos en materia de seguridade e saúde laboral, facilitar o labor do ministerio fiscal e do xulgado de instrucción para os efectos de identificar os supostos penalmente relevantes, así como acometer con celeridade e eficacia o coñecemento dos sinistros, evitar que se acumulen ante o ministerio fiscal e ante o xulgado de instrucción expedientes que quedan claramente á marxe de calquera responsabilidade penal, e optimizar os recursos destinados á persecución dos delictos e infraccións administrativas de risco por infracción da normativa de prevención de riscos laborais.

En definitiva, entre as actuacións destaca claramente “velar polo cumprimento da normativa sobre a prevención de riscos laborais mediante actuacións de vixilancia e control así como sancionar no caso de incumprimento de dita normativa”, asegurou Ricardo Varela, quen engadiu que esta actuación, “vai permitir separar a aqueles empresarios que non cumpren as súas obrigas en materia de prevención de riscos no traballo daqueles outros, que son a maioría, que si as están a cumprir”.

Ricardo Varela anunciou que “neste mesmo mes se reunirá unha comisión na que estarán presentes os fiscais de Galicia, a Inspección de Traballo e a autoridade laboral, das catro provincias, para deseñar un traballo e a partir de aí, provincia a provincia, manterán de xeito regular reunións de traballo que permitirán facer un seguimento coordinado dos controis en materia de seguridade. Elemento eficaz nesta loita que temos por terra, mar e aire, para reducir os accidentes laborais que sofren os traballadores de Galicia”.

O protocolo establece as pautas que se van seguir sempre que se produza un accidente laboral coa finalidade de determinar, en principio, se existiu unha infracción da normativa de prevención de riscos laborais, en segundo lugar avaliar se estamos en presenza dunha infracción administrativa ou dunha infracción penal, en terceiro lugar derivar a sanción ou a pena correspondente previa á apertura das dilixencias de investigación. Mediante este protocolo tamén se establecen pautas para a administración sanitaria, a fin de que faga constar no parte médico que se remite ao xulgado, que se trata especificamente dun accidente laboral e evitar deste xeito a apertura de dilixencias xudiciais que resultan irrelevantes dende o punto de vista penal. Pautas de actuación tamén para a policía xudicial por canto a elaboración dun novo modelo de atestado no que deberá facerse constar expresamente os traballadores accidentados, cal é a empresa á que pertencen e quen estaba sometido ao risco que causou o evento danoso.

Segundo recoñeceu o Fiscal Xeral “esta información é clave para poder considerar o concurso tanto de delicto de resultado respecto do traballador accidentado, como do risco respecto dos demais que non sufriron consecuencias malia existir unha situación de omisión grave respecto das medidas de seguridade. Acudir ao lugar de traballo non pode significar xogarse a vida ou a integridade física sobre todo cando hoxe dispoñemos dun amplo arsenal de lexislación preventiva en materia de riscos laborais, faise por elo necesario asumir con plenitude os valores da prevención, e é aquí onde os asinantes queremos incidir particularmente, para o cal precisamos ter noticia de todas aquelas situacións laborais que se realizan contrariando a normativa correspondente e poñen en grave risco a seguridade dos traballadores”.

Para instaurar esta cultura, tal e como manifestou Carlos Varela, estableceranse canles de comunicación para que tanto os traballadores como os axentes sociais poidan poñer en coñecemento da Fiscalía este tipo de situación e por tanto “poidamos establecer unha enérxica reacción penal contra os infractores, por iso, en ningún caso será admisible unha actitude fatalista ou resignada que considera a inseguridade laboral como prezo a acadar polo desenvolvemento económico e o progreso. Poñendo en marcha este protocolo esperamos poder estar en condicións de dar a batalla xurídica para a prevención que nos permitirá protexer aos traballadores da súa propia imprudencia”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia