Skip to main content

Innovación e Industria convoca subvencións para a reforma e mellora de infraestruturas hoteleiras

O Diario Oficial de Galiza (DOG) publica o 15-05-2006 unha Orde da Consellería de Innovación e Industria pola que se convocan subvencións a empresas privadas para a reforma ou mellora da infraestructura hoteleira galega. Poderán recibir estas axudas as accións que permitan a conversión de establecementos de categoría inferior en aloxamentos do grupo 1 (hoteis); as encamiñadas á modernización das instalacións existentes, incidindo especialmente no relativo a accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas; as dirixidas á implementación de enerxías renovábeis e as destinadas á implantación de sistemas de calidade.

Para estas subvencións destinaranse un total de 1.860.384 euros nos anos 2006, 2007 e 2008. Esta cantidade poderá incrementarse en función das solicitudes presentadas e dacordo coas disponibilidades de crédito. En todo caso, establécese a incompatibilidade da concorrencia de subvencións coas axudas para creación ou mellora de hoteis en núcleos históricos situados en Aris (áreas de rehabilitación integral).

O importe das subvencións dependerá de factores como a mellora da calidade da oferta ou a creación de un número determinado de postos de traballo, pero en ningún caso o seu importe poderá superar o 40% do investimento realizado, que, á súa vez, non poderá ser inferior aos 60.000 euros.

Criterios

As solicitudes de subvención serán estudadas por unha comisión técnica de valoración que terá en conta diferentes criterios, entre eles os seguintes: Melloras que supoñan a elevación da categoría do establecemento; as características da rehabilitación atendendo fundamentalmente á recuperación do patrimonio arquitectónico tradicional; a supresión de prazas que redunde na oferta dunha resposta adecuada á demanda turística; a incorporación a plans de calidade normalizados e recoñecidos nos mercados; estar localizado o investimento nun municipio incluido nalgún Plan de dinamización de producto turístico; o número de postos de traballo a crear e o seu grao de estabilidade.

As solicitudes de subvención, xunto coa documentación que se especifica nesta Orde, presentaranse na delegación provincial correspondente da Consellería de Innovación e Industria, no prazo de 1 mes dende mañá martes, día seguinte da publicación da norma no Diario Oficial de Galiza.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia