Skip to main content

Innovación e Industria colabora co Colexio Oficial de Químicos para a divulgación da ciencia química entre os investigadores mozos

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, asinou un convenio de colaboración co decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, José Antonio Rodríguez Vázquez, para a colaboración de ambas as entidades na organización do V Premio “Ignacio Ribas Marqués” á innovación científico técnica e da XIX Olimpíada Nacional de Química.

O Premio Ignacio Ribas Marqués diríxese a investigadores mozos de menos de 35 anos e premia o mellor traballo sobre temas de divulgación científico-técnica ou de aplicación práctica e marcado interese para Galiza, dun químico ou dun colectivo multidisciplinar do que forme parte, polo menos, un químico. A Consellaría financia o premio integramente, así como as actividades relacionadas coa súa difusión e entrega.

Pola súa banda, a organización na cidade de Vigo da XIX Olimpíada Nacional de Química diríxese a alumnos de bacharelato e ciclos formativos superiores, co obxectivo de premiar aos máis destacados, así como seleccionar os representantes do Estado español para as Olimpíadas Internacional e Iberoamericana do ano 2006. A Olimpíada Nacional de Química é un acontecemento de carácter anual organizado conxuntamente co Ministerio de Educación e Ciencia, a Asociación Nacional de Químicos de España (ANQUE) e a Real Sociedade Española de Química, e ten como fin primordial captar e estimular o interese dos nenos e os mozos pola ciencia química, así como formar cidadáns cunha mellor sensibilidade e apreciación da ciencia, como elemento esencial para soster e impulsar a investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico. A Consellaría de Innovación e Industria financiará a estancia na cidade de Vigo dos participantes na Olimpíada durante o desenvolvemento da mesma.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia