Skip to main content

O presidente da Xunta eloxia o compromiso de José Luis Cuerda coa comarca do Ribeiro na inauguración da bodega do cineasta en Leiro

Touriño cualificou de “verdadeiro agasallo” a presenza do director e produtor de cine, José Luis Cuerda, en terras do Ribeiro e eloxiou o seu compromiso cunha comarca “tan necesitada de proxectos novos e interesantes”. O titular da Xunta realizou estas declaracións no decurso do acto de inauguración da bodega do cineasta no concello ourensán de Leiro, acto que contou coa participación, ademais, do vicepresidente da Xunta e diferentes conselleiros do Goberno galego, ademais do director Alejandro Amenábar.

Touriño tivo verbas de eloxio para a comarca do Ribeiro “cruzada polo río Miño e chea de viñedos, boas vilas e boa xente”. Ademais, manifestou a súa ledicia porque o albaceteño lle collese tanto cariño a Galicia, e particularmente á comarca do Ribeiro.

Selo de calidade

Segundo manifestou o presidente da Xunta, todo o que adoita facer Cuerda leva consigo sempre un selo de calidade, “dunha calidade orixinal e distintiva”, remarcou. “Cuerda é, de seu, unha denominación de orixe. E este viño San Clodio non é un Ribeiro calquera, é o Ribeiro de Cuerda”, dixo o presidente galego.

Ademais, engadiu Touriño, grazas a José Luis Cuerda agora o viño galego vai estar vinculado ao mundo do cine, ademais de conformar parte da historia, literatura, paisaxe, economía e vida cotiá dos galegos como produto alimentario, pero tamén como “fermoso” e “saboroso” símbolo de amizade.
Gabinete de Comunicacion da Xunta de Galicia