Skip to main content

A Xunta celebra en Bruxelas o Día das Letras Galegas coa presentación dun libro de poetas galegas contra a violencia de xénero

A Xunta de Galicia celebra o Día das Letras Galegas en Bruxelas cunha serie de actos destinados a achegar a cultura do noso país tanto á colectividade asentada na capital belga como aos cidadáns interesados en coñecela. A programación de actos que a Fundación Galicia Europa ten preparada para conmemorar este 17 de maio comezou na librería Orfeu coa presentación do libro Polifonías, voces poéticas contra a violencia de xénero. Este volume, editado pola Administración autonómica galega foi presentado pola secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Carme Adán, e o escritor galego Xabier Queipo.

Na súa intervención, Adán salientou que este libro se presenta antes en Bruxelas que en Galicia e sinalou esta actuación como unha das diferentes vías de acción que o Goberno galego está a desenvolver para acabar coa violencia de xénero. O obxectivo, dixo, é comezar a desenvolver políticas transversais, que afecten a todas as áreas de actuación da Administración e favorecer os fenómenos do “empoderamento” das mulleres e a “corresponsabiliade” e participación dos homes nesta tarefa.

A secretaria xeral de Igualdade apostou por cambiar a “mentalidade” da sociedade para acadar un verdadeiro cambio respecto desta problemática e chegar a unha sociedade “realmente igualitaria”. Así mesmo, manifestou a necesidade de “mudar moitos dos estereotipos que actualmente continúan enraizados na sociedade respecto das mulleres” e salientou a poesía como unha boa vía para empezar a conseguilo.

Polifonías

Este libro contén poesías de dezaseis poetas galegas que escriben para solidarizarse coas vítimas da violencia de xénero. Nas súas páxinas atópanse obras de Rosalía de Castro, Marilar Aleixandre, Marica Campo, Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Emma Couceiro, Marta Dacosta, Lupe Gómez, Margarita Ledo Andión, Antía Otero, Chus Pato, Uxía Pedreira, Ana Romaní, Uxía Senlle, Marga Doval e Helena Villar Janeiro. Imprimiuse este ano con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora

Día das Letras Galegas

A programación do Día das Letras Galegas continúa cun seminario sobre Galicia do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, para os profesores belgas de ensino de lingua española. Este encontro, enmarcado no Ciclo As Comunidades Autónomas Españolas, está organizado conxuntamente pola Consellería de Educación da Embaixada Española en Bélxica e a Fundación Galicia Europa en Bruxelas.

Posteriormente, ten lugar no Instituto Cervantes de Bruxelas a conferencia de Ramón Villares titulada Reflexións sobre a Galicia actual, tamén coorganizada coa Fundación Galicia Europa.

Para rematar a xornada, desenvólvese unha cea-coloquio pública para debater entorno á cultura e a literatura galegas. Nela participarán, entre outros, a secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Carme Adán, e mailo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares.

Conferencia do presidente do CCG

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, achegou a figura de Manuel Lugrís Freire e a cultura galega a Europa nunha conferencia pronunciada no Instituto Cervantes de Bruxelas. Este encontro, organizado conxuntamente coa Fundación Galicia Europa para celebrar o Día das Letras Galegas na capital belga, contou coa participación da secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, Carme Adán, entre outras autoridades.

Villares destacou a vinculación de Lugrís cos momentos fundamentais máis recentes da historia galega, sinalando que naceu nun ano histórico como foi o de 1963, que participou na creación do xornal Solidariedade Galega, nas Irmandades da Fala e no debate de aprobación do Estatuto para Galicia. Así mesmo, apuntou que na figura deste persoeiro ao que este ano lle están a dedicar a celebración do día das Letras Galegas se conxugan tamén características propias da cultura galega como son a pegada da emigración e a formación académica en América que logo revertería na vida cultural de Galicia.

Ramón Villares fixo un percorrido pola historia de Galicia e a súa evolución ata chegar a actualidade.

Previamente, o presidente do Consello da Cultura Galega impartiu na sede da Fundación Galicia Europa un seminario destinado á formación de profesores flamencos de español.

Este seminario enmárcase dentro do Ciclo de Conferencias que a Consellería de Educación da Embaixada de España en Bélxica organiza co nome As Comunidades Autónomas Españolas para formar aos profesores de lingua española. Neste caso, para abordar as características históricas, sociais e culturais de Galicia.

Ramón Villares abordou na súa ponencia titulada Galicia, unha cultura de Occidente a unidade e diversidade do espazo galego, así como as formas de asentamento sobre o territorio característicos deste país. Outros puntos da súa exposición foron o celtismo, a romanización e cristianización, a inventio do Apóstolo Santiago e a relación de Galicia coa cultura europea románica, a Galicia como Reino entre Castela e Portugal, o esplendor barroco e o papel dos pazos e dos mosteiros.

Por outra banda, analizou o longo tránsito cara ao mundo contemporáneo, a ilustración, a postindustrialización, a crise no século XX, o rexurdimento cultural e a afirmación rexional galega. Finalmente, e como xeito de achegarse ás claves da realidade actual da Comunidade galega, Villares falou do Século XX como tempo de modernidade, emigración e restauración cultural e fixo unha exposición da realidade autonómica de Galicia.

Á conferencia asistiron un total de 35 profesores belgas que imparten materias de español.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia