Skip to main content

O Centro Tecnolóxico da Carne oferta unha ducia de cursos de formación

O Centro Tecnolóxico da Carne (CTC) oferta ao longo deste exercicio doce cursos de formación profesional ocupacional co obxectivo de contribuir á profesionalización dos traballadores do sector alimentario. A realización destes cursos permite acadar uns coñecementos mínimos en canto á manipulación e control tanto dos produtos agroalimentarios en xeral como dos cárnicos en particular, ademais de fomentar o uso da tecnoloxía adecuada, o coñecemento básico da normativa vixente e o coidado do impacto ambiental que conlevan os distintos procesos de fabricación de alimentos.

A actividade formativa do Centro Tecnolóxico da Carne comenza o 29 de maio co inicio do curso de Técnico de Control da Calidade Alimentaria, que conta con 620 horas lectivas e rematará o 14 de novembro. Este curso vai dirixido a todos aqueles desempregados con estudos medios que estén interesados en formarse nas áreas de clasificación e análise dos alimentos, tanto a nivel teórico como práctico, xa que inclúe prácticas reais e visitas didácticas a distintas empresas. O CTC continuará coa súa labor formativa coa posta en marcha de dous cursos máis, Auxiliar de industrias alimentarias e Encargado de industrias alimentarias, o vindeiro 19 de xuño.

O curso de Auxiliar de industrias alimentarias vai enfocado á realización de tarefas relativas á recepción e clasificación de materias primas, procesos de elaboración, envasado e almacenaxe de produtos alimentarios, axudando a determinar as súas calidades e valor nutritivo mediante o uso das técnicas adecuadas. Pola súa banda, o curso de Encargado de industrias alimentarias ofrece os coñecementos precisos para coordinar e controlar os procesos produtivos na industria alimentaria e dirixir aos empregados ao seu cargo, tendo en conta a normativa laboral vixente e esixindo o cumplimento das normas de Seguridade e Hixiene.

O CTC impartirá nove cursos máis ao longo deste ano co obxectivo de mellorar a cualificación profesional dos traballadores do sector agroalimentario, así como a seguridade medioambiental. Destes xeito, darán comenzo nos vindeiros meses os cursos de Auxiliar de superficies alimentarias, Novas tecnoloxías aplicadas ao despece cárnico, Envasador de produtos cárnicos e derivados, Operario de carnicería, Novas técnoloxías aplicadas ás operacións da cadea de sacrificio de matadoiros, Operario da cadea de sacrifico de matadoiros, Auxiliar de laboratorio, Especialista catador de produtos aliementarios e Novas tecnoloxías aplicadas á ocupación de carniceiro.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia