Skip to main content

Touriño avoga por aproveitar as posibilidades que ofrecen as telecomunicacións e Internet para potenciar a nosa identidade e a nosa lingua

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, avogou por aproveitar as posibilidades que ofrecen internet e as tecnoloxías da comunicación para converter a nosa lingua e a nosa identidade “nun vector e nun valor de posicionamento no mundo global”. O máximo mandatario galego sostivo que Galicia debe rendibilizar estas novas tecnoloxías para convertelas nunha “panca de progreso” polo que considerou necesario que dende o eido educativo se forme non só en conviccións e valores, senón tamén no uso e manexo destas tecnoloxías

Así o asegurou o xefe do Executivo galego no acto que tivo lugar na Praza do Obradoiro co gallo da celebración do Día Mundial de Internet, das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, acto no que estivo acompañado polo secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernaández, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. Nel, o máximo mandatario de Galicia chateou co presidente do Instituto Nacional de Cine e Artes Audiovisuais de Arxentina, Jorge Álvarez, e interactuou co can-robot Axóuxere.

No decurso da súa intervención, o xefe do Executivo galego aproveitou o feito de que o día 17 coincidan as celebracións das Letras Galegas e das tecnoloxías da comunicación para difundir “unha mensaxe de modernidade da identidade galega”, identidade á que caracterizou como “aberta ao mundo, aos novos coñecementos, aos novos horizontes e a novas esperanzas”.

Futuro de esperanza

Para o presidente da Xunta, a sociedade globalizada actual ofrécelle a Galicia un “panorama alentador” e “cargado de esperanzas”, posto que as novas tecnoloxías permítenlle a países “tradicionalmente periféricos” como Galicia “a oportunidade de estar no corazón do mundo e formar parte do centro do mundo”. “E esa oportunidade non a imos deixar pasar”, aseverou o presidente, quen chamou ás empresas e á cidadanía a sumarse aos esforzos para aproveitar este panorama de esperanza.

“Queremos que as telecomunicacións e internet sexan un dominio universal, que calquera galego e galega viva onde viva teña a oportunidade plena de acceder, de traballar na rede e manexarse na rede”, manifestou.

Para elo, Touriño salientou que o “primeiro obxectivo” trazado polo Goberno galego é acadar unha educación “de calidade”, que identificou cunha educación “capaz de manexarse en valores, en conviccións, de formar os mellores cidadáns e de formar cidadáns capaces de utilizar os idiomas que hoxe se utilizan no mundo”. “E o idioma da comunicación, o idioma da sociedade do coñecemento e o idioma da rede é fundamental que dende o primeiro momento sexamos capaces de utilizar”, pois, agregou, iso é garantía dunha Galicia “plural e aberta ao mundo”

O xefe do Executivo concluíu a súa intervención facendo un chamamento a aproveitar a coincidencia de celebracións o día 17 de maio para “pór en valor as posibilidades que internet e as tecnoloxías da comunicacións nos dan de facer da nosa identidade e da nosa lingua un vector e un valor de posicionamento no mundo global”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia