Skip to main content

Pesca anuncia un novo Plan de Tecnoloxía Alimentaria que amplía os espazos adicados á acuicultura respetando o medio ambiente

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, mantivo en Santiago unha reunión cos representantes da Asociación de Productores de Rodaballo de Galicia (Aroga), colectivo que engloba a todas as empresas que se adican a piscicultura no noso país. A xuntaza, segundo explicou máis tarde a
propia Conselleira nunha rolda de prensa, “é a prolongación doutras que
viñemos mantendo dende o pasado mes de outubro e nas que estamos
traballando co sector na revisión do Plan de Parques de Tecnoloxía
Alimentaria” .

O encontro tiña como obxecto explicarlles aos empresarios que ese traballo de revisión, no que colaboraron activamente e no que tamén participan as Consellerías de Política Territorial e Medio Ambiente, ten dous obxectivos: “Por unha banda, darlles seguridade nas inversións que poidan facer en Galicia e por outra, definir claramente os espazos non protexidos que poden adicarse en Galicia á cría de peixes”.

Froito desta colaboración interdepartamental conclúese, sinalou Carmen
Gallego, “que podemos ampliar as zonas onde se pode desenvolver a
acuicultura sen que afecte a espazos protexidos”. Polo tanto, anunciou,
“imos facer un novo plan sectorial modificando o anterior, ampliando as
ubicacións que permitan desenvolver unha actividade acuícola respetuosa co
medio ambiente”. Ao mesmo tempo, anunciou que o departamento que dirixe
está a traballar en axustes orzamentarios coa Consellería de Economía para
dotar ao novo Plan dun maior esforzo inversor.

Na súa intervención, a Conselleira quixo deixar claro que existe un
compromiso de todo o Goberno galego e destacou que o Plan de Tecnoloxía
Alimentaria “débese facer e levar a cabo, ademais de co sector, en
coordinación coas Consellerías de Medio Ambiente e Política Territorial
para evitar que a súa tramitación futura poida ter dificultades ou
atranques nos distintos trámites administrativos que se precisan”,
axilizando deste xeito todos os proxectos.

Por outra banda, Carmen Gallego asegurou que, ademais da inversión que vai
a acometer xa este mesmo ano o Goberno galego “facendo unha clara aposta
pola acuicultura”, estase traballando xunto co Goberno central na
definición do Futuro Fondo Europeo da Pesca, “onde, polas noticias que
temos, a acuicultura vai seguir sendo unha actividade subvencionable nos
mesmos parámetros e porcentaxes que ata agora co instrumento financeiro
IFOP”.

Deste xeito, a Conselleira quixo enviar unha mensaxe de tranquilidade aos
empresarios acuícolas de Galicia porque “ademais dos nosos fondos, ata o
ano 2013 imos poder seguir disfrutando dunha partida económica comunitaria
para facer investimento neste sector”.

Actuacións na Costa da Morte

A preguntas dos xornalistas, Carmen Gallego dixo que Touriñán “é un espazo
descartado polo Goberno da Xunta de Galicia” e aclarou que “as novas
ubicacións que imos definir son espazos que non están incluidos na Rede
Natura”. De feito, sinalou que, a día de hoxe, “xa temos nas nosas mans un
traballo importantísimo feito pola Consellería de Medio Ambiente, que
define enclaves de toda a comunidade galega que non están protexidos e
que poderían ser susceptibles da instalación de empresas acuícolas”.

Así, indicou que, con respecto a Pescanova, “nós vimos mantendo reunións
con eles dende primeiros do mes de marzo ofrecéndolles diversas
alternativas, e a día de hoxe pódolles dicir que as conversas están moi
avanzadas, que van por bo camiño e que a empresa xa está traballando sobre
dúas das opcións que lle ofreceu o Goberno galego”.

Por último, en resposta ás inquedanzas xurdidas entre os veciños e veciñas
da Costa da Morte pola negativa da Xunta a instalar a planta de Pescanova
en Touriñán, avanzou que o presidente Touriño presentará o vindeiro mes de
xuño unha acción de reequilibrio territorial no que esa zona vai ter un
Plan de Dinamización específico, onde se darán alternativas para que todos
teñan as oportunidades que non tiveron no pasado.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia