Skip to main content

Galicia presenta a súa oferta turística na Feira Expovacaciones de Bilbao

A oferta turística de Galiza está presente na 27ª edición de Expovacaciones, a feira turística que se celebra ata o domingo, día 21, en Bilbao. Turgalicia e a S.A. de Xestión do Xacobeo, da Consellería de Innovación e Industria, están presentes neste certame amosando os principais recursos turísticos do noso país, co Camiño de Santiago como oferta destacada.

Unha delegación do Goberno Galego, encabezada polo conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco Álvarez, xunto co director xeral de Turismo, Rubén Lois González, reforza en Bilbao a promoción turística de Galiza. Fernando Blanco foi recibido pola súa homóloga do Goberno vasco, Ana Aguirre, conselleira de Industria, Comercio e Turismo, coa que percorreu os stands da feira.

Tra-la inauguración, o titular de Innovación e Industria lembrou a importancia que para o noso país ten o mercado emisor de Euskadi, que aporta en torno a un 6% dos turistas que recibe Galiza, e destacou que os gobernos galego e vasco están a colaborar nos ámbitos turístico e cultural para potenciar o Camiño do Norte como unha das principais vías de peregrinación cara a Santiago. Pola súa banda, o director xeral de Turismo realizará mañá venres, no marco de Expovaciones, unha presentación do Camiño de Santiago como produto turístico dirixida a operadores turísticos, medios de comunicación, autoridades, asociacións de amigos da Ruta Xacobea e representantes dos centros galegos en Euskadi.

Espazo

O espazo promocional de Turgalicia ocupa unha superficie de 264 m2 e presenta módulos específicos dedicados ao turismo termal, náutico, aloxamentos, Ribeira Sacra, etc. Ademáis, figuran como coexpositores Turismo de A Coruña, Concello de Lugo, A Mariña Luguesa, Patronato Provincial de Turismo de Ourense, Mancomunidade do Salnés e Fundación Comarcal do Morrazo.

Pola súa banda, o stand do Xacobeo, de 81 m2 de superficie, inclúe referencias e imaxes sobre as diferentes rutas a Santiago, con especial fincapé no Camiño Francés e o do Norte, que pasa por Bilbao, cidade que acolle esta feira turística. Ademais, neste espazo amósase unha réplica do Botafumeiro da catedral compostelá e material promocional relacionado co Camiño, empezando pola popular cuncha de vieira, un dos símbolos tradicionais da Ruta. Expovacaciones é unha feira xeral de turismo, profesional e aberta ao público, xa consolidada como un dos principais escaparates turísticos do Norte da Península. Segundo datos da súa organización, a pasada edición deste certame foi visitada por 272.000 persoas.

Parques tecnolóxicos

O conselleiro de Innovación e Industria realizou tamén unha visita ao Parque Tecnolóxico de Bizkaia, sito na localidade de Zamudio, acompañado polo director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Salustiano Mato de la Iglesia. Nesta visita guiounos o presidente da Rede de Parques Tecnolóxicos de Euskadi, Julián Sánchez Alegría, e ambos tiveron ocasión de coñecer as experiencias de Euskadi no eido da innovación e, máis concretamente, os seus modelos de Parques Tecnolóxicos.

Este encontro serviu ademais como unha primeira toma de contacto e intercambio de opinións de cara ao establecemento de alianzas estratéxicas para o desenvolvemento da I+D+i en ambas as rexións.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia