Skip to main content

A Dirección Xeral para o Deporte apoia a nova aventura de Chano Rodríguez

A Dirección Xeral para o Deporte patrocina a nova travesía de Chano Rodríguez, que nesta ocasión é moito máis ambiciosa ao tentar nadar entre Ons e o porto de Vigo, cun percorrido de 13,07 millas, o dobre do que fixo o ano pasado entre as Cíes e Samil.

Tiivo lugar a presentación desta travesía na que estiveron presentes o propio nadador Chano Rodríguez; o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira; a concelleira de Deportes do Concello de Vigo, Lucía Molares; o adestrador do nadador, Alberto Piña, Valery Karpin, como un dos patrocinadores do evento, e outros colaboradores do deportista.

O director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez, asegurou que “estamos diante do deportista galego máis importante na actualidade, como demostran os seus resultados” e Galiza enteira estará pendente da súa travesía, como xa sucedeu o ano pasado cando nadou entre as Cíes e Samil.

O seu adestrador destacou que son 15 ou 16 horas no mar, nas que se porá a proba a resistencia psicolóxica de Chano, ademais da física, na que terá unha grande importancia o estado da mar”. Son aproximadamente 17 quilómetros, cunha temperatura da auga moi baixa, polo que se corre o perigo da hipotermia, ademais de que terá que loitar contra as correntes na súa entrada á ría. No caso de que o vento sexa do Sur habería que aprazar a travesía, xa que nese caso sería imposíbel facelo, “aínda que iso non se saberá ata horas antes”. O día ideal para realizar dita proba sería o 3 de xuño, pero iso non é posible por culpa dos compromisos que Chano ten coa selección española e por iso tivo que retrasarse ata o día 10 de xuño. O nadador parte ás seis da mañá de Ons coa intención de chegar ao Porto de Vigo aproximadamente ás nove ou dez da noite.

Pola súa parte, Valery Karpin manifestou que “me teño que quitar o sombreiro diante deste señor, xa que eu nin sequera me metería na auga. É unha loucura, pero para facer as cousas que fai Chano, hai que estar un pouco louco. Pero a verdade é que estamos todos moi orgullosos del e o día 10 estaremos ao seu carón, pendentes de que chegue o antes posíbel”.

Por último, o nadador destacou que a mensaxe que tenta transmitir aos nenos e as nenas tanto nas súas charlas nos colexios, coma con este tipo de retos é que “con traballo, sacrificio e esforzo se conseguen os obxectivos que un se marca”. Por iso, nos peores momentos, cando a meta xa está preto pero parece imposíbel chegar, “nesas dúas últimas horas todos os que estades aquí e os que me apoian de forma anónima pola rúa ides estar na miña cabeza e por iso sacarei as forzas necesarias para concluír a proba”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia