Skip to main content

A carpa da Cultura Circula encheuse da oralidade galego portuguesa

De auténtico éxito cualifican os responsables de Ponte...nas Ondas! a celebración da I Mostra da Oralidade para centros educativos desenvolvida no Porriño dentro da carpa de “A Cultura Circula”. Na iniciativa, na que colaboraron o Concello do Porriño e a Consellería de Cultura, participaron alumnos de educación primaria e secundaria de centros do Sur de Galicia e do Norte de Portugal, que disfrutaron e se divertiron coas actuacións que houbo ao longo da mañá.

Foron algo máis de tres horas ao redor do Patrimonio inmaterial que compartimos galegos e portugueses con novos sons que beben nas raíces da cultura común. O actor e contacontos Avelino González foi o responsable de romper o xeo, levándonos coas súas historias a percorrer novos escenarios e coñecer novos persoeiros. Logo chegaron os regueifeiros Luis Caruncho e Augusto Canario que demostraron aos escolares a difícil arte da regueifa e na que as bromas cos estudantes tamén estiveron presentes.

Toñito de Poi, co seu director “enganchou” aos participantes, nomeadamente aos que cursan Secundaria, ao igual que fixo co seu funk-rock Loreta Martín. O fin de festa estivo de novo coa palabra e con historias coa contacontos Locamotora.

Dende a organización desta I Mostra da Oralidade para centros educativos faise unha valoración moi positiva da experiencia e da resposta obtida tanto por parte dos centros escolares coma dos propios alumnos. Con este espectáculo poideron coñecer máis de preto un patrimonio no que levan tempo traballando grazas a distintias iniciativas de Ponte...nas Ondas! coma a Candidatura presentada ante a UNESCO o ano pasado, ou a xornada de radio interescolar que o próximo venres 26 de maio celebra a súa décimo segunda edición.
Ponte... nas Ondas