Skip to main content

A Dirección Xeral para o Deporte patrocina o barco co que Gonzalo Araújo participa na Breitling Medcup PT52

O barco “Balearia-Deporte Galego”, patroneado por Gonzalo Araujo, participa no circuíto Breitling Medcup PT52, que comeza a disputarse o día 22 de maio en Punta Ala (Italia).

Tivo lugar o acto de presentación do proxecto, que conta co patrocinio da Dirección Xeral para o Deporte, e no mesmo participaron o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, o presidente do Náutico de Vigo, Franco Cobas; o presidente da Federación Galega de Vela, José Ángel Rodríguez, e o propio deportista, quen explicou as características do circuíto. “Hoxe é un día moi importante para min e para todo o equipo, porque damos un paso cualitativo moi importante para Galicia xa que é unha competición semellante á Fórmula 1. Para que isto sexa posible teño que agradecer o apoio e a aposta da Dirección Xeral para o Deporte e da empresa Balearia, sen os cales sería imposible levar adiante este proxecto. A Dirección Xeral para o Deporte dende o primeiro momento viu a viabilidade do proxecto e deunos o impulso necesario para botar a andar”.

O circuíto consta de seis regatas, todas elas no Mediterráneo, e os barcos participantes contan cunhas características semellantes. Araujo explicou que ademais o obxectivo é conseguir que o barco estea en Galiza durante a pretemporada para “dalo a coñecer e colaborar na difusión deste deporte”. A maior parte da tripulación é galega e o obxectivo é que pouco a pouco se sumen máis tripulantes galegos.

Pola súa parte, Santiago Domínguez Olveira destacou que o proxecto de Gonzalo Araujo se enmarca a perfección nas liñas de actuación da Dirección Xeral para o Deporte, que traballa na creación dun plan directorio de deportes náuticos porque “o noso soño é que Galiza brille no mundo da vela xa que temos as mellores rías, grandes deportistas e excelentes clubs. Temos os mellores instrumentos, só falta unir esforzos e niso estamos. O proxecto de Gonzalo enmárcase perfectamente nas nosas ideas, xa que se apoia na tecnificación do deporte e ese é un dos nosos obxectivos”. O máximo responsábel do deporte en Galiza non se esqueceu de agradecer o esforzo de Balearia que cedeu o barco de forma gratuíta, feito que permitiu avanzar neste ambicioso proxecto. Ao termo da presentación, o presidente do Náutico fixo entrega a Araujo da Grímpola do club, mentres que o director xeral para o Deporte lle deu en man unha bandeira galega para que a leve no barco.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia