Skip to main content

A Comisión Europea admite a proposta de saneamento da Ría de Vigo da Xunta

A Comisión Europea admitiu o plan de saneamento da Ría de Vigo presentado hoxe en Bruxelas por unha delegación do Goberno galego para facer fronte á sentenza do Tribunal de Xustiza da Comisión Europea (C-26/04 de 15 de decembro de 2005) que condena ao Reino de España por non ter adoptado un programa de redución da contaminación nesta área.

O secretario xeral de Relacións Exteriores, Santiago Gómez-Reino, asegurou trala xuntanza que os membros da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión valoraron este programa de actuacións e “gabaron o traballo técnico do documento presentado pola Xunta nun tema que é moi complexo”. Gómez-Reino destacou que ao longo da xuntanza desta mañá se manifestara de “xeito recorrente” que “o problema da contaminación da Ría de Vigo é Vigo”. “De aí esa chamada que a Xunta de Galicia ten que facer á boa e leal colaboración de todas as administracións que teñen competencias sobre o problema para que o plan de actuación que se aprobe se execute”, sentenciou. Concretamente, Gómez-Reino manifestou que “é esperable que o Goberno de Vigo colabore a fondo coa Xunta e co Estado Español” neste asunto.

Gómez-Reino indicou, así mesmo, que o outro aspecto no que insistiu a Comisión Europea é a aceleración “dos prazos que manexamos nesta proposta”. Neste sentido, indicou que a delegación do Goberno galego insistira “en que a Xunta está disposta a facer un traballo técnico serio e impecable e iso necesita tempo” para desenvolverse.

Na súa intervención, o secretario xeral de Relacións Exteriores expuxo que “a Comisión non vai a poñer en marcha o procedemento que Levaría á multa”, posto que “está a estudar a fondo este documento para comprobar que se porá en marcha un plan de actuación para dar cumprimento á sentenza anterior”.

Implicación do sector industrial

O director xeral de Desenvolvemento Sostible, Emilio Fernández Suárez, insistiu en que os membros da Comisión coinciden plenamente coa Xunta no diagnóstico de que “o problema fundamental da Ría de Vigo é o tratamento das augas residuais da cidade de Vigo” ao tempo que apuntou que dende a institución europea “se mostra unha preocupación pola contaminación industrial e se pide unha implicación maior” deste sector na solución deste problema.

Máis datos e traballo conxunto coa Comisión

Emilio Fernández remarcou que o plan de actuación presentado hoxe “aínda está sendo estudado pola Comisión, dado que non rematou o proceso de análise das súas actuacións” e que “está aberto ás suxestións que achegue Bruxelas”. Así mesmo, informou que o organismo comunitario “valorou positivamente o realismo do plan” e requiriu “máis datos de depuración das augas residuais dos municipios que verten á Ría de Vigo”, que a Xunta achegará nos vindeiros meses.

O director xeral augurou un período de “estreitas relacións” entre a Xunta e a Comisión” para ultimar, “antes de fin de ano”, un plan de actuación definitivo. Fernández reiterou que a Comisión “pide uns prazos máis axustados” para o cumprimento desta programación e chamou á participación de todas as administracións para darlle cumprimento porque, segundo dixo, “doutro xeito non conseguiriamos cumprir cuns prazos, e perder a confianza da Comisión”

Delegación oficial

Participaron na xuntanza cos representantes da Comisión Europea o secretario xeral de Relacións Exteriores, Santiago Gómez-Reino; o director da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, José Vicente Alvariño Alejandro; o director xeral de Orzamentos da Consellería de Economía e Facenda, Pedro Antonio Fernández; Manuela Fraguela Seoane da dirección xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Consellería de Innovación e Industria; o director xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca, Francisco Fernández Cortés; o director xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente, e mailo Director de Augas de Galicia, José Luis Romero Valeiras.

Plan de saneamento da Ría de Vigo

Este plan prevé un conxunto de medidas específicas de actuacións -a curto, medio e longo prazo- que acadan un investimento total en saneamento de arredor 125.048.000 euros, dependendo do custe final da nova depuradora de Vigo. O plan presentado hoxe inclúe un cronograma de actuacións, que deberán ser revisado e axustado cos membros da Comisión Europea nos vindeiros encontros.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia