Skip to main content

Galicia colabora en Bolivia co equipamento do Hospital 1º de Maio de Sta. Cruz de la Sierra

Galicia está a colaborar co equipamento do Hospital 1º de Maio de Santa Cruz de la Sierra, en Bolivia, para mellorar a calidade e eficiencia do centro sanitario na atención dos doentes. A Xunta de Galicia ten achegado máis de 140.000 euros dende o ano 2002 para a construción e dotación de material específico do servizo de pediatría e do laboratorio deste centro A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, visitou estes días as instalacións para coñecer de primeira man a evolución do proxecto.

Esta zona, poboada polas etnias quechua e aymara, duplicou a súa poboación en poucos anos e carece dos recursos básicos de atención sanitaria. A consecuencia, acádanse niveis desmesurados de mortalidade materna e perinatal. Coa finalidade de reverter esta situación, institucións alemás promoveron e financiaron este hospital en 1999.

A actuación da Xunta de Galicia vén sumarse a este proxecto cunha actuación enmarcada dentro das prioridades da acción a prol do desenvolvemento marcadas polo Goberno galego. Trátase de contribuír á provisión de servizos básicos, con especial atención á vivenda, saúde, saneamento, educación e seguridade alimentaria. Dende 2003, as achegas da Administración autonómica serviron para construír e dotar dos equipamentos necesarios o servizo de pediatría e o laboratorio deste hospital.

Dous proxectos de mellora sanitaria en Bolivia

Na actualidade, a Dirección xeral de Cooperación Exterior está a participar en dous proxectos de mellora das condicións sanitarias en Bolivia. Na municipalidade de Irupana, desenvolve coa ONG Médicos do Mundo e a Administración local un proxecto para diminuír os índices de mortalidade materno infantil que se rexistran nesta zona.

Esta actuación conta cunha achega de máis de 100.000 euros por parte da Xunta de Galicia. Trátase de fortalecer a participación social para diminuír as taxas de mortalidade materna e infantil neste municipio boliviano de 12.200 habitantes.

A escasa conciencia na identificación dos problemas de saúde fai que a poboación local non busque atención médica ata que o problema se presenta como un caso de extrema gravidade. Consecuentemente, canto estes casos chegan ao servizo de saúde, xeralmente con carencias de equipamento, non existen posibilidades de recuperación do doente. Esta situación xera desconfianza na poboación respecto do sistema de saúde oficial.

Para facer fronte a esta situación, Médicos do Mundo tenta fortalecer a capacidade do persoal sanitario local para mellorar a situación. Para éllo se están a levar a cabo accións de capacitación en traballo en equipo e calidez na atención. Ademais, en 2003 creou na rexión unha Rede de Responsables Populares de Saúde, composta por 98 membros dos cales a metade son mulleres, para implementar a estratexia “Atención integrada ás enfermidades prevalentes da infancia” para servir de canle e incrementar a relación das persoas cos traballadores dos servizos de saúde institucionais.

Motocicletas

Por outra banda, e para axilizar algunhas prestacións que non poden realizarse nos centros de saúde, se prevé equipar ao hospital local e ao posto de saúde de Laza con motocicletas para permitir o desprazamento dos auxiliares de enfermería ata as comunidades, a fin de aumentar as coberturas dos programas de saúde establecidos polo Ministerio de Saúde boliviano.

Tendo en conta que a responsabilidade da atención en saúde se centra na municipalidade de Irupana, a través do Distrito Local de Saúde, apoiarase, tamén dentro desta actuación, aos funcionarios desta entidade na elaboración do Programa Operativo Anual (POA) e na área de saúde do Plan de Desenvolvemento Municipal.
Gabinete de Comunicacion da Xunta de Galicia