Skip to main content

Fernández Antonio: a mellora dos ingresos permitiu pechar o exercicio cun superávit de 30,9 millóns de euros e cunha elevada execución orzamentaria

A boa evolución dos ingresos durante o pasado ano permitiu alcanzar un superavit de 30,9 millóns de euros tras rematar o ano cunha elevada execución orzamentaria e acometer un importante esforzo de saneamento financeiro. Os datos provisionais de peche do exercicio, ademais, reflicten de xeito preciso e fehaciente a realidade dos compromisos adquiridos pola Administración galega. Así o explicou no Parlamento galego o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, que compareceu a petición propia ante o Pleno para dar conta do peche do exercicio 2005 e dos resultados do informe sobre a situación económica e financeira da Xunta a 31 de decembro de 2004 e a 31 de decembro de 2005.

Fernández Antonio explicou polo miudo os datos da execución presupostaria do exercicio 2005 que acadou “un alto e eficaz nivel de execución” -que cifrou no 94%- e un significativo incremento dos ingresos que se incrementaron cerca dun 5% sobre o orzamento inicial e algo máis dun 10% sobre a liquidación de 2004. Neste sentido, tamén subliñou o crecemento do aforro do 14%, e o grado de execución dos investimentos reais que mellorou en tres puntos sobre o ano anterior. Na súa análise sobre a evolución do ano pasado, o conselleiro destacou a situación dos principais indicadores de actividade e emprego que xa rexistraban ao finalizar o ano un “bo comportamento” que continúa hoxe cunha economía que “segue crecendo e xerando emprego a bo ritmo”, engadiu.

Con dito escenario e sobre a base do mandato de lograr a eficacia na xestión do gasto, abordouse, segundo explicou Fernández Antonio, un labor de saneamento a partires dos criterios de transparencia e rigor orzamentario, e control dos gastos públicos. Baixo estes criterios, segundo subliñou, o esforzo de saneamento permitiu pechar o exercicio cunha reducción do 69% nos gastos non contabilizados ao finalizar 2004. Así, segundo explicou Fernández Antonio, os gastos desprazados de exercicios anteriores a 31 de decembro de 2004 ascendían a 403 millónes de euros, na súa maior parte correspondentes ao Sergas. A depuración acometida polo Goberno durante o segundo semestre do pasado ano, permitiu absorber 278 millóns de euros por ese concepto, ademais de ter rexistrado contablemente os restantes 125 millóns segundo o Plan Xeral de Contabilidade Pública. “Concluimos cun eficaz grado de execución orzamentaria que permitiu unha absorción e sanemento do conxunto dos gastos; execútase con rigor, con máis eficacia e cun maior grado de transparencia”, resaltou.

A práctica de desprazamento de gastos a exercicios posteriores a aquel no que se xera o gasto tíñase realizado en anos anteriores tal e como recolleu o Consello de Contas no seu último informe, relativo ao exercicio 2002. Esta práctica, que mantivo “unha evolución crecente” nos últimos anos, tamén foi obxecto da análise contida no informe elaborado pola Intervención Xeral da Xunta co apoio da Comisión de Expertos. Segundo os resultados derivados do traballo de cuantificación a axuste realizado, conclúese que dita práctica foi mantida nas liquidacións orzamentarias do ano 2004 advertindo, ademais, que producían “o efecto de distorsionar o resultado presupostario”. Neste sentido, realizados a axustes extracontables do saldo orzamentario dese ano, resulta que o superávit de 69,8 millóns de euros recollido nas contas de 2004 tería sido un déficit de 125,7 millóns de euros si se incluisen os gastos imputables a dito exercicio.

Comisión de expertos independentes

Segundo lembrou na súa intervención Fernández Antonio, dito informe foi elaborado por unha unidade especial da Intervención Xeral da Xunta que contou coa colaboración dunha comisión de expertos para “fixar criterios, validar as técnicas e procedementos utilizados e participar nas conclusións” do citado informe. O citado informe recoñece nas súas conclusións que a maior parte dos gastos desprazados corresponden ao Sergas e que o crecemento no desprazamento do gasto foi “realmente notable” no 2004 cando case que se duplicou a cifra de 2003, cando o gasto desprazado ascendía a 207 millóns de euros. Xunto cos gastos sanitarios, que supoñen a maior parte do volumen non rexistrado correctamente, tamén figuran gastos de expropiación, de transporte escolar e de obras de medio ambiente, entre outras.
Recomendacións do Consello de Contas

Á vista dos resultados das liquidacións orzamentaria de 2004 e 2005, a análise realizada no informe da Intervención inclúe como recomendación abordar “unha xestión máis dilixente do gasto respetando os principios contables de devengo e anualidade”. Tal recomendación, segundo explicou o conselleiro de Economía, xa é unha realidade tal e como se pon de manifesto no peche provisional do exercicio 2005. “Non fixemos máis que aplicar principios validamente aceptados e obrigatorios na práctica contable; é a nosa obriga facer transparente a situación contable”, engadiu.

O informe anima tamén a seguir “o esforzo de depuración realizado pola Intervención Xeral” e continuar nesa senda “para que os resultados do exercicio non distorsionen a verdadeira realidade financeira e presupostaria”. Ademais, apunta a necesidade de integración dos sistemas de información contable e a mellora da coordinación con base nos sistemas de información.

En canto ao que se refire ao control externo efectuado polo Consello de Contas, o conselleiro lembrou que a Xunta acordou o pasado mes de febreiro a implantación dun sistema de control e seguimento das recomendacións deste órgano nos seus informes anuais. Fernández Antonio lembrou que nos últimos informes o Consello “xa tiña expresado debilidades de control por parte da Administración” e, polo tanto, co novo plan –que será coordinado pola Intervención Xeral- “garantizarase a coordinación entre o control interno e externo, ao tempo que permitirá unha mellora dos sistemas de información e unha mellor realización da función fiscalizadora do Consello de Contas.
Gabinete de Comunicacion da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia