Skip to main content

Bugallo afirma que as axudas ao deporte da súa Consellería priman a base, o deporte feminino e de discapacitados, e a presenza de deportistas galegos nas competicións de elite

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, compareceu no Parlamento para explicar as axudas ao deporte que puxo en marcha o seu departamento, que ascenden a un total de 9.513.000 euros para este ano 2006 e “que se repartirán con equidade na distribución do diñeiro público e buscando as mesmas oportunidades para todas as entidades”.

Bugallo salientou tamén o notable cambio nos criterios para a dotación de subvencións que levou a cabo o Goberno. “Nestas convocatorias prodúcese un incremento das axudas públicas destinadas ao fomento do deporte e á introdución de elementos correctores que benefician aos clubs, ao deporte de base e á consolidación da canteira galega”, afirmou a conselleira.

Un dos obxectivos principais é promover o deporte feminino, xa que neste momento só o 14% das licenzas deportivas en Galicia pertencen a mulleres. De acordo con isto, o 25% do montante total das axudas a federacións -1 de 4 millóns de euros- será destinado a este efecto (ver última táboa). Tamén se achegan 200.000 euros para a integración de deportistas con minusvalías.

Asemade, primarase a presenza de deportistas galegos no caso dos equipos das categorías de elite, así como o coidado das categorías inferiores e a aposta pola tecnificación, valorándose o número de monitores titulados.

Outro dos criterios importantes é o control das subvencións. Segundo a conselleira, coas novas axudas “iníciase un camiño de cara a eliminar a discrecionalidade nas axudas e principiamos unha nova relación entre a Xunta e o mundo deportivo baseada na transparencia”.

Das catro vías de axudas e subvencións, a primeira –Bases de axudas para a promoción do deporte en Galicia (DOG 27 de marzo, 600.000 euros)- está destinada á organización de eventos, organización de actividades destinadas ao fomento, promoción, difusión e formación da práctica deportiva, e á participación de deportistas galegos en prácticas que non sexan susceptíbeis de acollerse ás axudas ordinarias para esta materia. A conselleira subliñou que “a demanda desbordou a máis optimista das previsións feitos polos nosos técnicos”.

No caso das subvencións a entidades sen ánimo de lucro (DOG 12 de maio) para o desenvolvemento de actividades deportivas, establecéronse unhas bases reguladoras para axudas a clubs, así como a colectivos de discapacitados físicos, psíquicos e sensoriais, ademais de programas que promovan un maior nivel de incorporación da muller no deporte. Esta liña, que conta cun financiamento de 3.800.000 euros, establece criterios de concesión obxectivos e introduce elementos de discriminación positiva para os sectores anteriormente citados.

As axudas para a realización de obras de construción, mellora, acondicionamento e reforma de instalacións deportivas (DOG 12 de maio) pretenden poñer en marcha un programa de fomento daquelas accións que persigan a mellora do parque de instalacións vencellados a usos deportivos. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos, os clubs e federacións deportivas e as asociacións vinculadas a centros educativos. No caso de accións de carácter plurianual, a Consellería ten programado adicar a este fin 5.122.000 euros en tres anualidades (2006, 2007 e 2008).

No que ás axudas ás federacións se refire, a Dirección Xeral para o Deporte formulou un novo programa de apoio e colaboración con estas entidades “que permita o acceso dun maior número de cidadáns á práctica deportiva, así como elevar o nivel técnico dos e das deportistas”. Para acadar este obxectivo, asinaranse convenios adaptados ás necesidades de cada federación, sempre primando o impulso ao deporte base, a presenza de deportistas galegos nas competicións de elite, a eliminación da discriminación no deporte, promoción da educación e o control do diñeiro público.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia