Skip to main content

Os grandes axentes de ventas internacionais de produtos audiovisuais expoñen os seus casos no CICA

O curso de posgrao CICA (Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais), en colaboración co Consorcio Audiovisual de Galicia, está a organizar dúas xornadas formativas nas que se darán as claves, tanto teóricas como prácticas, para a venta e distribución dos produtos audiovisuais nos mercados mundiais. Nestas xornadas, que se celebrarán os días 9 e 16 de xuño, na facultade de Socioloxía da Coruña, estarán presentes as principais produtoras e axencias internacionais de cine e televisión.

O papel dos axentes de ventas nos mercados do cine é o título da primeira xornada, aberta a todos os profesionais do sector, e estudantes de comunicación audiovisual, previa inscrición. Nos últimos cinco anos, segundo a FAPAE (Federación de Asociacións de Produtores Audiovisuais Españois), o comercio mundial da produción audiovisual española duplicou o seu valor, e o 70% destas exportacións son de contidos cinematográficos, de aí a importancia de coñecer as mellores estratexias de marketing para saír ao exterior.

Aportarán a súa experiencia neste campo dúas empresas españolas que comercializan cine nacional por todo o mundo: Filmax, que se ocupou da venta de películas como Romasanta ou máis recentemente Camarón, de gran éxito de taquilla, e Latido, referente na distribución de títulos de fala hispana, que levou El método e Machuca, entre outros, e algúns de produción galega, como Heroína ou Para que no me olvides. Explicarán como traballa Filmax Entertainment, que distribúe tanto produtos propios como de outras compañías por máis de 50 países, Rafael Cabrera, director da División Internacional, e Vicente Canales, xefe de Ventas Internacionais. Por Latido, acudirá o seu director xeral e socio fundador, Massimo Saidel.

Tamén estarán presentes os responsables de dúas axencias de venta estranxeiras: Juan Manuel Torres, executivo de Ventas Internacionais en Gemini Films, actualmente con dúas películas na quincena de realizadores de Cannes. Creada polo prestixioso produtor portugués Paulo Branco, lidera máis de 80 títulos de directores de culto como Manuel de Oliveira, Win Wenders ou Alain Tanner. Acudirá ademais, e Karina Korenblum, do equipo de ventas de Celluloid Dreams, firma independente, con sede en París, que traballa cada ano cun número limitado de películas para poder prestar especial coidado na súa promoción e lanzamento nos principais festivais e mercados internacionais. O pasado ano, un dos seus filmes, L´enfant, dos irmáns Dardenne, levou a Palma de Ouro en Cannes.

Comercializar formatos televisivos

O venres, 16, a xornada Como preparar un mercado audiovisual, terá carácter eminentemente práctico, polo que estará dirixida a profesionais do sector que se tiveran inscrito previamente. Ao longo do día, con vistas á celebración do 9 ao 13 de outubro dunha nova edición do MIPCOM en Cannes, explicarase como se prepara un produto audiovisual para vendelo nas feiras internacionais. Os poñentes invitados son Laura Miñarro, directora de Ventas Internacionais do Grupo Pi, distribuidor que naceu da asociación de Boca Boca Producciones, Cartel, Globomedia e Video Mercury Films; Elena Mera, de New Atlantis, firma especializada en documentais e que conseguiu en poucos anos que os seus programas sexan vistos en máis de 50 países, e Emmanuella Spinetta, conselleira delegada de Grundy Producciones, filial de España de Bertelsmann, principal grupo de comunicación europeo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia