Skip to main content

Galicia colaborará na construcción dun centro sanitario en Calcuta

A Xunta de Galicia colaborará na construción dun centro de Saúde en Calcuta, a India, segundo acordaron a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, e a directora da ONG New Light e traballadora social na India, Urmi Basu, nunha xuntanza que mantiveron en Santiago. Neste encontro tamén participaron representantes de Mundo Cooperante, que colabora dende España cos proxectos de New Light na India.

Este proxecto de centro de saúde enmárcase dentro das actuacións que New Light está a desenvolver no barrio de Kalighta, en Calcuta, para atender á poboación marxinal, principalmente aos fillos de prostitutas. Urmi Basu explicoulle á directora xeral de Cooperación Exterior as características da actuacións que está a desenvolver en Calcuta a través da súa organización.

Baso declarou que o seu proxecto comezara cun centro de acollida para que os fillos des prostitutas non estiveran sos nas súas casas pola tarde, cando as súas nais ían traballar, pero que na actualidade os acollen todo o día todos os días do ano co gallo de achegar unha formación integral aos rapaces e tentar quitalos da marxinalidade na que se atopan. “Queremos que se formen e experimenten outra vida”, destacou.

Deste xeito, informou que os centros de New Light están a prestar atención a máis de 170 nenos e nenas nos centros de acollida e nas escolas que posúen na capital india. “O que procuramos fundamentalmente –dixo- é que non vexan na prostitución unha opción”. Así, explicou que tamén están a realizar un programa de actuación integral na comunidade, “tendo como principal prioridade a educación dos rapaces, pero actuando tamén no seu contorno familiar”.

Urmi Baso salientou que xa contan con mulleres que saíron da prostitución traballando nos centros de atención e que pretenden incorporar a máis nas tarefas que poidan desenvolver a prol da educación e sensibilización social contra a pobreza e para loitar contra problemas de gran relevancia na comunidade como a SIDA.

20.000 euros

A dirección xeral de Cooperación Exterior achegará preto de 20.000 euros para a construción deste centro sanitario en Calcuta. A ONG española Mundo Cooperante achegara o resto do financiamento para a edificación deste centro e colaborará na súa posterior posta en marcha, segundo informou o presidente da organización en Madrid.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia