Skip to main content

Galicia aposta pola cooperación entre rexións da UE para impulsar o crecemento do sector pesqueiro e acuícola

A directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Fátima Linares Cuerpo, participou na inauguración do II Foro Aquareg, que tivo lugar na localidade irlandesa de Galway. Linares Cuerpo salientou a importancia que supón para Galicia este proxecto comunitario de cooperación en materia de pesca e
acuicultura, no que participa conxuntamente coas as rexións de Trondelag,
en Noruega, e BMW, en Irlanda. A directora xeral de Innovación trasmitiulle
aos seus homológos a aposta do Goberno galego por este tipo de iniciativas,
ao consideralas unha condición necesaria para fomentar tanto o
desenvolvemento rexional da Unión Europea como o da propia Galicia. Neste
senso, apuntou que “a nosa comunidade está aberta á cooperación con rexións
da UE como estratexia para impulsar o sector pesqueiro e acuícola” e
engadiu que os resultados acadados polo Proxecto Aquareg son a mellor
demostración delo.

Linares Cuerpo tamén fixo fincapé en que o Goberno da Xunta busca favorecer
o crecemento da competitividade do sector pesqueiro e, neste sentido, a
cooperación con outras comunidades é esencial para transferir coñecementos
e tecnoloxía, garantir o crecemento armónico entre as rexións europeas ou
establecer vínculos de colaboración que contribúan a crear novas
alternativas para zonas costeiras.

Proxecto Aquareg

Segundo indicou Fátima Linares na súa exposición, o éxito de Aquareg radica
na súa flexibilidade para levar a cabo subproxectos de diferentes materias,
deseñados baixo unha das tres estratexias incluidas no seu programa:
Aquaed, Aqualink e Aquaplanc. Estas tres vertentes permitiron ás rexións
desenvolver traballos relativos ás necesidades específicas de formación,
xestión e planning dos espazos costeiros. Ademais, Aquareg contou coa
participación de todos os axentes implicados nos sectores da pesca e a
acuicultura (industria, investigadores, mestres e estudantes, entroutros),
e permitiu avanzar no estudo de diferentes campos, como a investigación de
algas ou a xestión das zonas costeiras.

Asimesmo, a través desta iniciativa europea, os profesionais galegos
tiveron a oportunidade de establecer contactos, visitar industrias,
institutos e centros de formación específica doutros países.

Finalmente, a directora xeral de Innovación lembroulle aos participantes do
encontro a importancia da pesca e a acuicultura para a economía galega, non
só polo emprego e os ingresos que xeneran senón tamén polo seu efecto
multiplicador. Neste sentido, destacou que “Galicia conta con todas as
actividades industriais ligadas á actividade pesqueira (tales como a
industria distribuidora, conxeladora ou procesadora) necesarias para
ofrecer ao consumidor un produto de alta calidade”. Así, suliñou que “este
aspecto da nosa economía, xunto co sistema de organización de baixura e
altura, as canles de comercialización, o control da calidade de auga ou o
papel da muller no sector, suscitaron moito interese por parte das demais
rexións participantes no Proxecto Aquareg”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia