Skip to main content

Touriño aposta por potenciar unha cooperación transfronteiriza co norte de Portugal de segunda xeración

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, apostou por reforzar a cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal para avanzar na construción dunha Eurorrexión “de segunda xeración”. Para o presidente, Galicia e o Norte de Portugal deben promover un “espazo común de cooperación” que vaia “máis alá” da elaboración de proxectos puntuais, e sentar unhas “bases sólidas” para unha colaboración transfronteiriza “estable e permanente” entre ambas as marxes do Miño.

Así o defendeu o máximo mandatario de Galicia na súa intervención ante os ministros de Exteriores dos Gobernos español e luso e os presidentes das outras comunidades autónomas limítrofes con Portugal reunidos en Zamora con motivo da constitución da Comisión Hispano-Portuguesa para a Cooperación Transfronteiriza. Para o presidente da Xunta, que sinalou que é un día importante para Galicia, destaco que esta comisión permitirá fortalecer e ampliar o espazo de cooperación en todos os terreos, dende o económico ao cultural.

Ante os dirixentes autonómicos e de ambos países, Emilio Pérez Touriño enxalzou a cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal a través da Comunidade de Traballo constituída en 1991 e que foi a primeira entidade destas características en adaptar o seu acordo constitutivo, ás disposicións do Tratado de cooperación asinado entre España e Portugal en Valencia en 2002.

Pérez Touriño avogou por potenciar a cooperación interrexional e impulsar “proxectos estratéxicos” para a Eurorrexión, “como a conexión en alta velocidade Vigo-Porto, que dixo sentir como “un elemento indispensable para a cohesión e a vertebración dos nosos territorios”. Touriño resaltou tamén a necesidade de impulsar o principal proxecto de cooperación entre España e Portugal nestes momentos, que é o Centro Tecnolóxico de Braga, no que Galicia aspira a ter “un papel preponderante”.

“É o momento de avanzar cara a unha Eurorrexión de segunda xeración. Un espazo común de cooperación que vaia máis alá da elaboración de proxectos puntuais e que sente unhas bases sólidas para unha cooperación transfronteiriza estable e permanente entre Galicia e o Norte de Portugal”, valorou.

O presidente considerou “fundamental” o paso dado coa constitución da Comisión Hispano-Portuguesa para a Cooperación Transfronteiriza pois lembrou que esta colaboración non debe limitarse programas como o Interreg ou aos fondos comunitarios, senón que no futuro deben ser “as propias estruturas rexionais” as que xeren e xestionen os proxectos de colaboración.

Subsidiariedade

Nese punto, o xefe do Executivo galego defendeu unha “intensificación” da participación das comunidades autónomas españolas e das comisións de desenvolvemento rexional lusas “en todos os asuntos relacionados coa cooperación”. Por iso, valorou o “importante paso” dado polo Goberno español ao incorporar aos máximos representantes autonómicos á Comisión hoxe constituída, se ben reclamou un papel “máis activo” das autonomías na cooperación transfronteiriza “pois esta é basicamente unha cooperación de proximidade cuxa práctica e execución toca fundamentalmente ás autoridades rexionais e locais”.

Emilio Pérez Touriño reclamou para as comunidades “capacidade e autonomía” para organizar e xestionar a cooperación, pois son os Gobernos rexionais os que mellor coñecen os intereses e demandas das poboacións limítrofes. Nesa liña, salientou a “plena validez e vixencia” da aplicación do principio de subsidiariedade ao ámbito da cooperación territorial, pois considerou que deste xeito se garante unha maior eficacia e eficiencia na xestión e execución deses proxectos por parte das administracións máis próximas.

O presidente concluíu manifestando a súa confianza en que a Comisión hoxe constituída será un “eficaz instrumento” para impulsar e desenvolver a cooperación entre ambos países, ao tempo que constituirá “un espazo de diálogo e concertación que actúe a favor dos intereses e o benestar dos cidadáns e territorios” de ambas marxes da fronteira.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia