Skip to main content

A Dirección Xeral para o Deporte patrocina o X Torneo Internacional de Loitas Olímpicas que se celebra en Santiago

O “X Torneo Internacional de Loitas Olímpicas de Galicia”, patrocinado pola Dirección Xeral para o Deporte, celebrase os días 2 e 3 de xuño en Santiago de Compostela, coa presenza dalgúns dos mellores loitadores do mundo.

Tivo lugar a rolda de prensa de presentación da competición, na que participaron o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira; o concelleiro de Deportes de Santiago, Manuel Portas, e o presidente da Federación Galega de Loita, José Luis Olazábal. No transcurso do acto, o presidente da federación destacou o alto nivel dos participantes: “Virán loitadores de Rusia e da República de Daghestan, que son os mellores do mundo, xa que de aquí proceden o 90 por cento dos loitadores olímpicos”. No caso da selección galega, apostouse por un equipo moi novo: “Optamos por loitadores novos, sen experiencia, xa que así poden competir con xente de altísimo nivel”.

Pola súa parte, o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez, quixo felicitar á Federación Galega de Loita “non só polo torneo, que nos permitirá visualizar o mellor nivel mundial, senón polo traballo que están realizando para colocar a Galiza no máis alto. Neste momento, os nosos loitadores están a un altísimo nivel e iso é grazas ao traballo que está desenvolvendo esta federación”.

O torneo, que ten lugar no Polideportivo de Santa Isabel, comeza o día 2 de xuño pola tarde, coa pesaxe oficial dos deportistas, mentres que o sábado pola mañá se celebran as eliminatorias e pola tarde as finais e a entrega de medallas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia