Skip to main content

O conselleiro de Presidencia considera que a mellor definición para Galicia no futuro Estatuto é a actual

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, considera que a mellor definición para Galicia no futuro Estatuto de Autonomía é “a que temos na actualidade”. Nunha entrevista na Televisión de Galicia, o titular de Presidencia afirmou que “somos unha nacionalidade histórica no marco do Estado español”, algo que confire un “carácter de singularidade, que nos asemella nada máis que a Cataluña e ao País Vasco”, e que aporta “unha vantaxe importante no desenvolvemento do proceso institucional”.

No que se refire ás competencias que se deben solicitar para Galicia, Méndez Romeu afirmou que a experiencia indica que nalgunhas hai “un longo camiño que percorrer”. Sinalou que algúns dos eidos nos que probablemente sexa necesario retocar o marco de competencias son a protección das costas e do medioambiente; o eido laboral -en materia de inspección de traballo-; o sector primario; e a seguridade, para facer fronte aos incendios. “A pesar de ser un tema moi complicado, creo que chegaremos rapidamente a acordos", declarou.

Concordia dos grupos políticos no Estatuto

O titular de Presidencia lembrou a necesidade da concordia dos tres grupos políticos para levar o texto estatutario a bo porto. Indicou que ata o de agora todos se teñen manifestado a favor dun Estatuto e que no proceso de consultas á sociedade civil “non se están poñendo de manifesto posicións fundamentalmente diferentes das que defenden os grupos políticos”. Considerou que, se ben poden existir cuestións relacionadas cos aspectos identitarios ou co financiamento da Comunidade Autónoma que poidan ter unha certa dificultade no texto final, noutros asuntos moi complexos -como as competencias ou os poderes galegos- as posicións son “moito máis próximas do que parece".

Así mesmo, subliñou que se conta coa experiencia doutras comunidades con resultados exitosos, e polo tanto “coñecemos os límites do proxecto e as dificultades principais”, dixo. Sobre que o coñecemento do idioma galego sexa recollido como un deber no Estatuto, asegurou que isto tería a vantaxe de que tanto no ensino como na administración, resultaría máis sinxelo conseguir resultados. “O que si é importante é que xunto a ese deber de coñecer, exista ese dereito de usar, é dicir, que ningún cidadán en Galicia se poida sentir discriminado por razóns de lingua”, dixo, engadindo que “somos un país bilingüe”, e “debemos facer todo o necesario para salvagardar esa identidade complexa."

Deputacións provinciais

En resposta a unha pregunta sobre a posible supresión das deputacións provinciais, o conselleiro considerou que se Galicia tivese 40 ou 50 concellos, en lugar de ter 315, a maior parte deles moi pequenos, non serían necesarias. “As deputacións deben facer, outra cousa é que o estean facendo agora, o papel que non poden facer por si mesmas as institucións municipais”, afirmou, e avanzou que o seu futuro a longo prazo, como consecuencia do desenvolvemento territorial da Autonomía, sexa “probablemente ir perdendo a súa función e a súa natureza”.

Indicou que “no momento actual seguen sendo necesarias”, xa que “reciben un financiamento importante dos orzamentos do Estado”, polo que considerou que o que hai que facer é “transformalas xuridicamente, para que non se volvan a repetir circunstancias como as que estamos a ver agora mesmo nalgunha delas".

Debate territorial

Doutra banda, Méndez Romeu considerou as comarcas “parte dun debate territorial superado”, xa que aínda que hai creadas arredor de 20 fundacións comarcais, “os resultados son moi cativos, e probablemente terán que desaparecer”. Opinou que “hoxe non ten sentido falar do territorio dende un punto de vista exclusivamente xeográfico”, xa que “a realidade ven marcada pola demografía”, e avogou polas fórmulas supralocais.

Así, sobre o futuro mapa de Galicia, dixo que terá dous piares -Autonomía e concellos-, que haberá logo instancias cun carácter “máis operativo que político” –deputacións-, e que nalgúns lugares existirán órganos de prestación de servizos, como empresas públicas, consorcios de servizos, mancomunidades, etc. “Non creo que a curto prazo debamos incrementar o número de entidades –explicou-. Probablemente temos xa dabondo, e o que necesitamos é buscar máis eficiencia no gasto público e formas máis modernas de prestar servizos conxuntamente".

Balance da xestión do bipartito

O conselleiro referiuse á Lei de Transparencia para lembrar que vai permitir que un cidadán calquera, poida coñecer datos que “ata o de agora simplemente non podía”, e ter “unha información clara do que se fai cos recursos públicos”. En resposta a unha pregunta sobre a xestión do bipartito, destacou as medidas adoptadas en materia de Educación, que “darán froitos axiña”, e “probablemente van ser a política máis vista e agradecida polos cidadáns”, se ben falou así mesmo doutras medidas “que teñen un carácter máis estratéxico, e polo tanto tardaremos máis en ver os seus efectos”, como as relacionadas coa ordenación do solo, as políticas medioambientais, ou o desenvolvemento rural.

“Creo que o máis importante do Goberno non é unha medida concreta, senón ter instalado en Galicia un clima de confianza e de diálogo, para superar unha etapa de crispación e confrontación, e facelo de xeito que os cidadáns amosan comodidade co actual Goberno”, declarou. O titular de Presidencia adiantou que a partir de agora vai haber unha etapa lexislativa moito máis activa, “como corresponde á metade dun mandato”, e cara a fin do mesmo, “empezaremos a ver os resultados desas políticas estratéxicas de longo alcance".

Función Pública

Méndez Romeu afirmou que o acceso á Función Pública faise agora con máis transparencia, e avogou por rematar con prácticas “estrañas” para “acceder a un posto de traballo público sen procedementos de concurso e de oposición”. Afirmou que o Executivo pretende “rematar ata onde sexa posible coas libres designacións, e introducir criterios de eficiencia e modernidade na administración”. “Progresivamente necesitaremos ligar unha parte das retribucións á avaliación no posto de traballo, como se fai en moitas empresas de servizos”, dixo, xa que “ao final a administración é unha gran empresa de servizos para os cidadáns."

O conselleiro afirmou non crer que exista unha “administración politizada ou allea ao que ten que facer”, polo que non sei vai facer “ningún xuízo ao pasado, nin de intencións”. Lembrou que existen en Galicia 82.000 empregados públicos, aos que se lles quere trasladar a garantía de que “van estar con mellores condicións de traballo, con máis oportunidades de promoción, e nun entorno máis agradable para traballar”. A cambio, dixo, estarán suxeitos tamén a un sistema de transparencia, “que os cidadáns nos demandan a todos".

Policía Autonómica

Doutra banda, sobre a creación da futura Policía Autonómica Méndez Romeu recoñeceu que ese é un tema que se está a discutir co Estado, “con dificultades importantes”. Considerou que, nunha primeira etapa, non se debe optar pola substitución das funcións da Garda Civil e da Policía Nacional, senón por ter funcións complementarias en eidos que hoxe non están suficientemente atendidos, como a vixilancia do tráfico e os problemas nos montes e nas costas: “Necesitamos comezar por servicios especializados e tamén por un incremento da dotación, para facer fronte ás competencias que agora temos”.

No futuro, dixo, podería pensarse na substitución dos actuais corpos. “Debemos ser conscientes de que a seguridade é algo moi complexo de organizar. Conseguir os niveis de eficiencia que temos hoxe en Galicia, que son magníficos, leva moito tempo, e é unha actividade extraordinariamente custosa”, asegurou.

Demandas xudiciais

Sobre as demandas en materia xudicial de cidades coma Vigo e Santiago de Compostela, considerou que é preciso crear máis unidades xudiciais porque a poboación se está concentrando en determinados lugares, e prque cada vez hai mais litixios. Considerou que Galicia necesita ter as competencias en planta e demarcación para poder decidir por si mesma onde, cando e como se precisan as novas unidades xudiciais. “Mentres, o que facemos é insistir tenazmente dentro do Ministerio para conseguir a creación desas unidades."
Gabinete de Comunicacion da Consellería de Presidencia e Administracións Públicas da Xunta de Galicia