Skip to main content

Traballo e sindicatos agrarios colaboran para implantar a cultura preventiva no agro galego e reducir a súa siniestralidade

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, asinou co secretario xeral de Xóvenes Agricultores, Juan Luís Pérez, co secretario xeral de Unións Agrarias-UPA, Roberto García, e co representante do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Xoán Monasterio, un protocolo de colaboración entre Traballo e os tres sindicatos agrarios en materia de prevención de riscos laborais no sector agrogandeiro e forestal.

A través do convenio asinado, levarase a cabo unha campaña de información e de sensibilización sobre a prevención de riscos laborais no agro, coa finalidade de obter unha efectiva implantación da cultura preventiva neste ámbito, e así mellorar as condicións de traballo e reducir a sinistralidade no mesmo. Trátase, en palabras do titular de Traballo, de “trasladar aos traballadores do campo a necesidade de autoprotección”, un sector que ocupa ao 12% dos traballadores galegos.

Segundo explicou o titular de Traballo o 70% dos accidentes graves e mortais que se producen no sector agrario, suceden pola manipulación de maquinaria agrícola, e a causa do 90% deles é o volteo do vehículo, debido principalmente a que a maquinaria é moi antiga e non está adaptada á normativa. O conselleiro tamén apuntou como principais riscos do agro a exposición a pesticidas ou, no caso do sector leiteiro, as fosas de purín.

Tal e como se recolle no texto do convenio, as entidades asinantes consideran necesario o establecemento de accións conxuntas dirixidas a promover a seguridade e saúde laboral dos traballadores a través da aplicación de medidas e o desenvolvemento das actividades necesarias para a prevención de riscos derivados do traballo nas explotacións agrogandeiras e forestais de Galicia, co fin de defender os intereses dos traballadores do agro galego, mellorar a súa calidade de vida e promocionar a realización de accións formativas e informativas dirixidas á poboación agraria.

Ricardo Varela manifestou que esta acción forma parte das políticas que en materia de prevención de riscos laborais está a levar a cabo o seu departamento xa que a seguridade no traballo é un dos eixes de actuación da Consellería, e nel prestarase especial atención ao sector agrogandeiro e forestal, polo que anunciou que esta non será a última das iniciativas neste ámbito.

Os secretarios xerais de Xóvenes Agricultores e de Unións Agrarias-UPA, salientaron na súa intervención a necesidade de poñer en marcha actuacións como esta no sector agroforestal, xa que as estatísticas non reflicten todos os accidentes laborais que se producen no campo, pois moitos deles se computan como accidentes de tráfico ou enfermidades comúns. Segundo Roberto García dos seis sinistros mortais ocorridos no que vai de ano no agro tan só dous tiveron a consideración de accidentes laborais, así, segundo o secretario xeral de Unións Agrarias-UPA, “se toda a sinistralidade estivera computada como tal estariamos ante un sector dos que soportan uns maiores índices de sinistralidade, xa que por unha banda hai moita man de obra ocasional (familiares, veciños...) que carece de formación e por outra temos o parque móbil máis antigo do Estado, como esto non se pode corrixir a curto prazo convenios como o asinado esta mañá pasan a ser capitais, trátase dun paso de transcendencia política moi importante e queremos agradecerllo publicamente á Consellería de Traballo”.

O representante do Sindicato Labrego Galego, Xoán Monasterio, salientou a importancia de iniciativas como esta de cara á sensibilización dos traballadores do agro galego e lamentou que ata 2004 non se tivera feito nada neste ámbito. Monasterio eloxiou o esforzo e a actitude da Consellería de Traballo por “achegar ao sector agrario esta problemática que estaba esquecida”.

A través destes convenios de colaboración levaranse a cabo accións de información e sensibilización, mediante técnicos cualificados e aproveitando todas as estruturas, tanto de carácter material (locais, recursos, etc) como de convocatoria e presenza no sector agrario galego e nas distintas actividades que se agrupan no mesmo.

Nese senso, as actividades deberán promover a mellora das condicións de seguridade e saúde dos traballadores do agro, baseándose no cumprimento da normativa en materia de prevención de riscos laborais e informarán dos conceptos básicos de seguridade e saúde no traballo, dos riscos xerais e a súa prevención e dos elementos da xestión da prevención de riscos laborais, facendo especial incidencia nos riscos comúns ou xerais das actividades agrogandeiras e forestal, tales como os derivados do emprego de maquinaria agrícola, dos cultivos, ou da manipulación de produtos fitosanitarios.

Para o desenvolvemento destas accións de formación a consellería de Traballo destinará un total de 200.100 euros, polo que cada organización agraria recibirá 66.700 euros para a posta en marcha das actividades de sensibilización e difusión da cultura preventiva.

Así mesmo, constituirase unha comisión mixta para o seguimento deste convenio, integrada por un máximo de seis membros que designarán cada unhas das partes asinantes e que se encargarán do seguimento das actuacións, a verificación do grao de desenvolvemento, a interpretación e a solución das dúbidas e controversias que xurdan.
Gabinete de Comunicacion da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia