Skip to main content

O presidente da Xunta defende que a protección do medio ambiente non é un límite ao desenvolvemento de Galicia

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño asegurou que a protección do medio ambiente galego non é unha ameaza nin un límite para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia, senón a súa mellor aposta de futuro. O presidente e varios conselleiros do Goberno galego trasladáronse ás Illas Cíes para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente. Alí Pérez Touriño amosou a súa confianza en que a xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas poida acadarse antes de que remate o ano.

Nunha rolda de prensa celebrada nas Illas Cíes, o xefe do Executivo autonómico amosouse a favor de impulsar unha política medioambiental para Galicia “integral, transversal, que implique a todo o Goberno, a toda a sociedade e a todo o país”. Pérez Touriño sostivo que os recursos naturais de Galicia “son e deben ser” un elemento de “desenvolvemento, de xeración de riqueza e un valor de futuro”. Por iso, indicou, para o Goberno que preside é un obxectivo prioritario a conservación e a explotación sostible dos recursos.

Na súa intervención nas Cíes, espazo que cualificou de “emblemático e privilexiado”, salientou que as rías e os ríos de Galicia constitúen o “valor e o patrimonio natural máis prezado” que posúe a comunidade, do que dixo é “envexa de moitos pobos e terras”. Así pois, para conservar este patrimonio o xefe do Executivo galego anunciou o compromiso da Xunta para que a protección destas rías e ríos sexa sempre “unha política e un obxectivo prioritario do Goberno do cambio”. “Por iso dedicaremos os mellores recursos, a capacidade de concertación e de diálogo social e institucional para a conservación e o saneamento das rías e ríos”, afirmou.

Ante os asistentes ao acto, o máximo mandatario galego lembrou que na actualidade o 35% dos cidadáns de Galicia verten directamente aos ríos e rías sen depuración previa. Tras recoñecer o “enorme desafío” que este dato supón para o Goberno, Pérez Touriño comprometeuse a dedicar “recursos sen límite” para que o ciclo da auga se peche de forma axeitada, de maneira que se devolvan aos ríos e mares augas depuradas.

O titular do Goberno galego afirmou que o Goberno galego traballa para que o Parque Nacional das Illas Atlánticas sexa transferido canto antes á comunidade. Así, sostivo que a Consellería de Medio Ambiente está traballando co Goberno de España co obxectivo de que a transferencia completa en recursos e medios para facer unha xestión integral deste parque se produza ao longo do presente ano.

Nesta liña, o presidente da Xunta lembrou o compromiso do seu Goberno de pór en marcha a Rede Galega de Parques Naturais que, dixo, “debe converterse nun espazo de referencia dunha sociedade que quere e necesita reconciliarse co medio ambiente”. Segundo explicou, esta rede de parques naturais debe converterse “nun instrumento prezado de desenvolvemento sostible”. De aí que se amosase favorable a que os cidadáns que viven nos parques naturais ou nos seus contornos sexan indemnizados “porque non deben ser os paganos, senón os máis beneficiados pola creación desa rede”. Por iso, anunciou que en breve se regulará a constitución do Consello Galego de Parques Naturais.

Neste compromiso co medio ambiente, o xefe do Executivo galego chamou á implicación de todos os axentes institucionais e sociais, e apelou á responsabilidade medioambiental das empresas. “Quero que cada vez haxa máis empresas que estean comprometidas con isto. Nesa dirección terán todas as axudas e a alianza da Xunta para incrementar esa responsabilidade ambiental”, salientou.

Plan de ordenación do litoral

Outro dos anuncios destacados que fixo o presidente nesta xornada atinxe á aprobación ao longo deste ano do Plan Integral de Protección e Usos do Litoral. Pérez Touriño sostivo que este plan permitirá que por primeira vez se ordene sectorialmente o litoral do país, o que na súa opinión constituirá “a mellor forma de xerar emprego, non destruíndo, senón facendo unha protección e unha ordenación racional do litoral”. O máximo mandatario galego explicou que o Goberno autonómico ten postos todos os seus esforzos para que este plan estea deseñado canto antes.

O presidente da Xunta tamén presidiu nas Illas Cíes a sinatura dun convenio entre as consellerías de Medio Ambiente e Pesca para a constitución da Reserva Marítimo Pesqueira de Lira. Pérez Touriño indicou que este convenio mobiliza recursos para promover un uso sostible dos recursos pesqueiros, e incidiu en que a pesca artesanal é un sistema “plenamente compatible” coa explotación sostible dos recursos pesqueiros.

Saneamento da ría de Vigo

Durante a súa intervención, Emilio Pérez Touriño salientou que o saneamento da ría de Vigo é a materia pendente máis emblemática no terreo ambiental. Por iso fixo fincapé no compromiso pleno para lograr que a ría non siga na situación de risco na que se atopa. O presidente salientou que tanto o Goberno de Galicia coma o do Estado están a asumir as súas responsabilidades completamente en materia de saneamento e recuperación ambiental da ría viguesa, e apelou a que todas as administracións asuman a súa responsabilidade para acadar este obxectivo.

Así, emprazou ao Concello de Vigo a que cumpra as súas responsabilidades nesta materia e poña os terreos necesarios para poder construír a nova depuradora, pois lembrou que este é un elemento indispensable para poder poñer en marcha o plan pactado coa Unión Europea e evitar así a multa imposta por Bruxelas pola carencia de saneamento. “Non é concebible, é difícil de explicar, que traballando seis anos para planificar unha cidade, nun problema tan serio como coa depuradora o Concello non sexa quen de resolvelo poñendo terreos a disposición. Vigo non pode crecer como queremos que creza se non asume a súa responsabilidade”, manifestou o presidente, quen ofreceu diálogo e disposición para que Vigo conte con esta infraestrutura.

Cidade do Mar

Respecto a outro dos proxectos estratéxicos impulsados pola Administración autonómica para a cidade olívica, o presidente da Xunta resaltou que o seu Goberno está a traballar con intensidade en colaboración co Goberno estatal na promoción da Cidade do Mar. Así, indicou que este proxecto constitúe “unha aposta de primeiro nivel” para converter a masa crítica que existe en Vigo en canto a recursos mariños nun polo de desenvolvemento e innovación. O presidente manifestouse optimista en que nun horizonte razoable se poida presentar este proxecto, ao que definiu como “unha das apostas máis queridas” do seu Executivo.
Gabinete de Comunicacion da Xunta de Galicia