Skip to main content

O presidente da Xunta asume como política prioritaria do Goberno galego a atención integral a persoas toxicómanas

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asumiu como “política prioritaria do Goberno galego” a atención integral ás persoas toxicómanas durante a inauguración das instalacións da Comunidade Terapéutica no municipio coruñés das Cernadas. Pérez Touriño apostou “polo traballo compartido, solidario e concertado” e “pola prevención e educación” como estratexias prioritarias a seguir en materia de toxicomanías.

As novas instalacións inauguráronse dentro do programa para mulleres toxicómanas embarazadas e/con fillos a cargo, o que vai permitir -segundo indicou o titular do Goberno galego- dar resposta máis específica e axeitada á necesidade de tratamento destas mulleres co fin de evitar e minorar a situación de risco que xera o problema da droga. “Con estas instalacións ábrense novas potencialidades para desenvolver a vida, para liberarnos de ataduras e saír adiante cara a autonomía persoal”, sinalou Touriño.

Esta iniciativa forma parte do Programa Educativo Terapéutico que como sinalou o presidente do Goberno galego, leva desenvolvendo desde o ano 1990 o Proxecto Home Galicia e que traballa desde unha visión integral na rehabilitación das persoas toxicómanas. Pérez Touriño eloxiou o traballo de Proxecto Home que a través de programas como Libres de Drogas permitiu máis de 2000 altas terapéuticas.

Na loita contra o problema da droga, o máximo mandatario galego apostou por recoñecer a realidade “como primeiro paso para iniciar unha reacción en cadea e conseguir que sexa efectiva e eficiente”. Para conseguir este obxectivo “haberá que xuntar esforzos educativos, familiares e sociais nun traballo paciente e integrado de continuidade”, indicou.

Respostas da Xunta

O presidente galego anunciou que a Xunta dará respostas “globais e contundentes” ao problema da droga, a través da Consellería de Sanidade, algo que xa se vén facendo nos últimos meses co incremento orzamentario do Plan de Galicia sobre Drogas para 2006, que se viu aumentado nun 10% con respecto ao ano 2005 situándose nunha cantidade que supera os 14 millóns de euros.

Neste sentido, Pérez Touriño presentou as novas liñas estratéxicas no modelo de prevención do Plan de Galicia sobre Drogas que o Goberno galego está a pór en marcha. O plan comprende como primeira medida a elaboración e implantación do Plan Galicia sobre Drogas para o período 2006-2009. Este documento “guiará as actuacións en drogodependencias en sintonía co Plan de Saúde de Galicia 2006-2009 e co Plan Estratéxico de Saúde Mental 2005-2009”, explicou.

A segunda das medidas adoptadas será a integración progresiva da actual rede asistencial no Servizo Galego de Saúde “tentando mellorar a atención ao drogodependente a través da atención á saúde mental”, como indicou Touriño. O presidente sinalou tamén que desde a Xunta potenciaranse as actuacións preventivas en consonancia coa Estratexia Europea sobre Drogas 2005-2012 e co Plan de Acción 2005-2008 español, incrementándose os recursos destinados á prevención escolar, familiar e comunitaria.

O Plan de Galicia sobre Drogas pretende ademais a actualización e mellora da carteira de servizos na prevención e asistencia, das actividades de investigación e de formación así como dos sistemas de información e avaliación que compoñen o Observatorio de Galicia sobre Drogas.

Entre as últimas medidas esgrimidas por Pérez Touriño atópase a redifinición e impulso da incorporación social e a colaboración e cooperación co contorno máis inmediato. Neste sentido, no marco do Plan director da Cooperación Galega 2006-2009 o Goberno galego ten, como subliñou Touriño, unha clara intencionalidade de apoio e cooperación cos países do seu contorno nos que xa se está a traballar, entre outros programas, a través da convocatoria do Interreg III.

Áreas de actuación

Pérez Touriño explicou que estas liñas estratéxicas cristalizarán en accións concretas nas diferentes áreas que integran o Plan de Galicia sobre Drogas. Na área de prevención preténdese incrementar a partida do orzamento total de drogodependencias. “Actualmente dedícase un 20% e queremos chegar ata un 35% para converter a prevención na ferramenta esencial”, sinalou Pérez Touriño.

Na área de asistencia, a través da integración do Sergas, mellorarase a calidade asistencial no tratamento de trastornos por patoloxía dual, e intervención breve nos problemas de consumo de alcohol e na atención a menores drogodependentes e inmigrantes. As áreas de incorporación social e formación farán fincapé na accesibilidade ao emprego e na formación continuada. Por último, na área de investigación e avaliación Touriño indicou que se promoverá a participación en redes de investigación estables e melloraranse os sistemas de avaliación de prevención e de asistencia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia