Skip to main content

A Consellería de Presidencia anuncia un Plan Estratéxico para reducir o déficit da Fundación Semana Verde de Silleda

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, participou na reunión do Padroado da Fundación Semana Verde de Silleda. Durante a xuntanza se estudou a forma de realizar reformas financeiras para reducir o seu déficit e a reforma do seus estatutos para finais de 2006.

A xuntanza serviu para analizar as liñas para levar a cabo unha “análise estratéxica financeira” segundo explicou o conselleiro. O seu obxectivo será estudar a viabilidade financeira do Padroado para manter o seu papel no futuro. Segundo, o titular de Presidencia, dende “o ano 2000 ten un importante déficit sen resolver polo que co esquema de financiamento actual non pode seguir funcionando xa que a súas débedas se están a cubrir con fondos propios”. Deste xeito, aseverou Méndez Romeu, a Fundación “se está a descapitalizar”.

Por iso o Padroado estudará a información que recolle a auditoría presentada durante a reunión de hoxe. O titular de Presidencia anunciou que “en tres ou catro semanas reuniranse de novo para tomar importantes decisións económicas que garantan o seu futuro”. Tratase, engadiu Méndez Romeu, de darlle unha “viabilidade financeira”.

Actualmente a Fundación Semana Verde de Silleda ten un orzamento de 6 millóns de euros anuais. A metade deste importe procede de fondos propios e o resto de achegas externas que non son “doadas” de acadar, advertiu o conselleiro, por iso na reunión de hoxe tamén contou coa presenza de representantes da Consellería de Economía e Facenda para o seu asesoramento.

Méndez Romeu anunciou que a longo prazo, o Padroado ten previsto tomar decisións de carácter estatutario que a finais de ano culminarán nunha reforma dos estatutos, que tamén recollerán as medidas que se vaian tomando en temas económicos.

Por último, a reunión foi unha “primeira toma de contacto” para analizar outras liñas de traballo de cara ao futuro. Estas incluirán tarefas de captación de novos clientes, proxección da imaxe de marca ou ampliación do produto, entre outras, todas orientadas a acadar a súa proxección. O obxectivo final das vindeiras reunións do Padroado será, segundo definiu o conselleiro, “marcar novos horizontes de traballo para mellorar a labor da Fundación”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia