Skip to main content

A Xunta modifica o sistema de primeira venda dos productos frescos da pesca nas lonxas

O Goberno galego aprobou o proxecto de decreto de modificación do Decreto 419/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de descarga, primeira venda e comercializción dos recursos mariños en fresco. Esta modificación equipara a normativa galega de pesca coas normativas europeas e estatais nas que non se contempla a obrigatoriedade da poxa á baixa como sistema de primeira venda senón, simplemente, a obriga de que as vendas se fagan nas lonxas ou centros autorizados.

Deste xeito, coa novo decreto, seguirase mantendo a obrigatoriedade de que a primeira venda se realice na lonxa dos portos, aos efectos de control da aplicación das normas de conservación dos recursos pesqueiros e do control das capturas, pero suprimirase a poxa como única fórmula de venda. Isto permitirá aplicar calquera outro sistema que facilite aos produtores rendabilizar as súas capturas, repercutir os seus costes de explotación aos seus produtos así como atopar novas estratexias para obter mellores prezos evitando a incertidume que supón a poxa á baixa.

Por outra banda, a modificación desta normativa permite ás entidades de interese colectivo (confrarías, organizacións de produtores, asociacións ou cooperativas) adquirir produtos frescos da pesca e o marisqueo nas lonxas ou centros de venda. Na actualidade, estas entidades non podían actuar como compradores, por exemplo, dos produtos dos seus asociados, limítandose a realizar labouras de intermediación. Agora, coa eliminación deste obstáculo poderán desenvolver proxectos colectivos que redunden en beneficio de todos os produtores, dándolle un valor engadido ao resultado da súa actividade, e incluso garantindo un prezo mínimo de venda dos produtos.

A elaboración deste proxecto levouno a cabo a Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, departamento ao que lle corresponde, entre outras funcións, a regulación da primeira venda dos produtos da pesca nas lonxas pesqueiras ou nos establecementos autorizados para tal efecto. No texto final incluíronse as observacións plantexadas polas entidades colectivas ás que se lles remitiu un borrador do documento.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia