Skip to main content

Pastoral con motivo da Vida Contemplativa: Os mosteiros, escolas de fe

O desexo asiduamente renovado de ser "testemuño perseverante da
presenza transfigurante de Deus" leva ós contemplativos a fundar os seus mosteiros a modo de escolas de comuñón fraterna, lugares onde se vive o mandamento novo, espazos onde se serve ós irmáns como Xesús quixo servir ós seus. A vida monástica constitúe así para Igrexa un patrimonio de incalculable valía.

O lema da Xornada dos contemplativos deste ano invítanos a
consideralos como "escolas de fe no corazón da Igrexa e do mundo".

Son certamente escolas eficaces de fe. No silencio das súas vidas
proclaman a primacía de Deus e da vida eterna; ensínannos a contemplar a Deus no devir da historia tanto nos sucesos dolorosos coma nos gozosos e esperanzadores dos homes; e realizan de modo misterioso o que se di no salmo 18: "Sen que falen, sen que pronuncien, sen que resoe a súa voz, a toda a terra alcanza o seu pregón e ata os límites do orbe a súa linguaxe".

Son, ademais, núcleos de irradiación da fe porque nos estimulan a
redescubrir e profundizar a nosa fe, para espertar a unha nova e
auténtica vida. Grazas a Deus na nosa Diocese brilla aínda o
resplandor carismático de Bieito de Nursia e Agostiño de Hipona, de Clara de Asís e Estevo Harding, de Tareixa de Xesús e de Xoana F. de Chantal que, desde as familias relixiosas establecidas por eles, nos seguen chamando a vivir o que cremos, orar o que vivimos e gozar a alegría de testemuñar a Cristo Resucitado.

Os cristiáns temos necesidade dos contemplativos para seguir camiñando "firmes na fe". Tense escrito que "o mundo postmoderno só pode ser atraído por algo que resulte radicalmente diferente dos seus modelos de consumo índividualistas e superficiais. O único que pode darlle a verdadeira autenticidade e comuñón que busca desesperadamente e o monaquismo cristíán". Así o estimamos tamén. Pero para que a vida monástica poida ser punto de referencia para tódolos bautizados e necesario coñecela e apreciala. Aprecio e coñecemento, proximidade e participación é o que pretende a Xornada da Vida contemplativa que celebramos cada ano.

Que esta Xornada anual sirva para recoñecer con gozo e agradecer
profundamente a experiencia monástica como punto de referencia para os bautizados, chamados todos á santidade. E para orar con interese polas persoas contemplativas e as vocacións á vida monástica. Para que non decaia a súa xexerosidade e comtribúan con renovado vigor á trasmisión da fe debilitada en non poucos cristiáns polo ambiente leicista que se respira no noso contorno.
Frei Xosé Gómez (Bispo de Lugo)