Skip to main content

A Xunta de Galicia colabora na atención de enfermos de sida e tuberculose en Mozambique

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, está a colaborar na atención de enfermos de SIDA e Tuberculose en Mozambique. Esta actuación en prevención e atención sanitaria de enfermidades infecciosas que están a desenvolver a ONG Farmacéuticos Mundo e a Misión de Fillas da Caridade de San Vicente de Paul no Hospital El Carmelo de Chokwe, na rexión de Gaza, conta cunha achega de 92.000 euros por parte da Administración autonómica.

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, visita os proxectos a prol do desenvolvemento nos que colabora o Goberno galego en Mozambique. En concreto, Sotelo achegouse estes días ás instalacións deste centro sanitario no que se presta atención a máis de 5.000 enfermos. Alí mantivo un encontro coa directora do Centro, María Elisa Verdú, e coa responsable da área Sanitaria da Oficina Técnica de Coordinación da Axencia Española de Cooperación Exterior, Pilar do Campo, para coñecer de primeira man a evolución deste proxecto.

Con esta iniciativa preténdese mellorara a calidade de vida dos enfermos ingresados no hospital, con capacidade para 90 persoas, pero tamén reforzar as estratexias de prevención das enfermidades infecciosas deste centro. Na actualidade, ademais de proporcionar tratamento farmacolóxico aos doentes, se están a fomentar diversos procesos formativos para mellorar o diagnóstico e o tratamento das enfermidades. Así mesmo, se achega información ás familias dos enfermos para que coñezan as medidas preventivas que eviten o seu contaxio.

Este programa, que estará en marcha ata o vindeiro mes de xullo, procura prestar un tratamento axeitado e un incremento do aporte nutricional para o 100% das persoas ingresadas no hospital. Tamén se está a traballar para poder atender correctamente a todos aqueles que acodan ás consultas externas do centro e para instaurar unha rede de asistencia domiciliaria que amplíe as posibilidades de atención actuais.

Así mesmo, ao longo dos 12 meses de implantación do proxecto, os profesionais desprazados a Chokwe prestarán formación a técnicos locais para identificar mellor as síntomas da SIDA e Tuberculose; para mellorar a xestión da farmacia do hospital e para implementar a xestión informática no centro.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia