Skip to main content

Os bateeiros galegos comezan a cobrar as indemnizacións polo Prestige

O sector bateeiro xa pode empezar a cobrar as indemnizacións polo accidente do Prestige tras a sinatura dos acordos entre o Ministerio de Economía e Facenda e os representantes legais das organizacións e asociacións de mexilloeiros de Galicia que solicitaron a reclamación de danos derivados do vertido de fuel do petroleiro.

A rúbrica deste acordo foi presidida pola subsecretaria do Ministerio de
Economía e Facenda, Juana Lázaro Ruiz, comisionada do Goberno central para
as firmas dos acordos transaccionais cos damnificados pola catástrofe do
Prestige e quen dirixiu os traballos necesarios para satisfacer as
indemnizacións dos afectados. Por parte da Administración galega
participou no acto a Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen
Gallego Calvar, quen nada máis chegar ao seu cargo accedeu a certificar as
perdas económicas que sufriu este sector por mor da marea negra. Uns danos
que o Goberno do Partido Popular sempre se negara a garantir.

Deste xeito, Gallego Calvar encargouse da mediación e interlocución entre
os bateeiros e o Goberno central, facilitando ao Consorcio de Compensación
de Seguros toda a información e a documentación necesarias para que estes
cobros puideran facerse realidade. Neste senso, é de destacar que Pesca
avalou cun informe económico, feito por unha empresa consultora
independente, os danos sufridos por estes profesionais para facilitar a
este colectivo a percepción de indemnizacións por parte do Goberno.

Representantes de Agame, Amegrove, Federación Arousa Norte e Opmega, entre
outras organizacións, asistiron ao acto celebrado está mañá en Santiago que
lles permite percibir a partir da firma deste acordo unha contía superior
os 12.000 euros por batea.

O Consorcio de Compensación de Seguros, que se encargou de facer a
valoración e a tramitación de solicitudes, é unha entidade con recoñecida
e dilatada experiencia na evaluación de danos derivados de catástrofes
naturais e foi precisamente por esa capacitación técnica polo que foi
elexida no caso do accidente do Prestige.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia