Skip to main content

Emilio Pérez Touriño recibe ao arcebispo de Santiago, Julián Barrio, en Monte Pío

Emilio Pérez Touriño reuniuse co arcebispo de Santiago, Julián Barrio, quen informou ao presidente da Xunta dos proxectos da Arquidiocese de Santiago para os vindeiros meses, entre os que destacan os actos con motivo da Ofrenda ao Apóstolo do vindeiro 25 de xullo, aos que Touriño acude por primeira vez como presidente da Xunta. Esta é a primeira vez que Emilio Pérez Touriño recibe a Julián Barrio desde que asumirá a Presidencia da Xunta, o pasado mes de agosto.

Na xuntanza, Touriño e Barrio analizaron tamén o labor humanitario que está a desenvolver a Arquidiocese de Santiago, a través de diferentes organizacións como Cáritas, coas que a Xunta colabora promovendo diversas liñas de actuación.

Gerardo Porto, pintor da emigración

A continuación, o presidente da Xunta mantivo unha xuntanza co pintor Gerardo Porto, un dos pintores galegos que mellor ten reflectido na súa obra a realidade da emigración galega. Precisamente, Porto foi un galego emigrante e durante anos ocupou postos de responsabilidade na televisión nacional holandesa.

A súa condición de emigrante e a visión do fenómeno que plasma nas súa obras valeulle o seu recoñecemento en Europa, onde expuxo nas mellores pinacotecas e galerías. O autor, que vén de cumprir 80 anos recentemente, deixará Galicia nos próximos días para trasladarse de novo a Holanda, tal e como lle comunicou hoxe ao presidente da Xunta.

A viaxe aos Países Baixos responde, segundo explicou Porto, a unha invitación da dirección do Museo Van der Tocht, en Amsterdam, para mostrar unha exposición antolóxica da súa produción nese espazo. A mostra estará integrada por cincuenta pinturas e unha colección de cristais e vidreiras. A intención é, tal e como sinalou o propio artista, que a mostra sirva para realizar un achegamento cultural entre España e Holanda, xuntando a personalidades artísticas e representantes políticos de ambos os países arredor desta exposición.

Domingo Docampo

O titular do Goberno autonómico, Emilio Pérez Touriño, recibiu tamén na residencia oficial de Monte Pío a Domingo Docampo, quen durante os últimos anos ocupou o cargo de reitor da Universidade de Vigo, e que proximamente deixará o cargo. Precisamente, Docampo acudiu a Monte Pío para despedirse oficialmente do titular da Xunta. No decurso da reunión, Touriño agradeceu a Docampo o labor desenvolvido a prol da Universidade de Vigo nos últimos anos que serviu para dar “un novo impulso” a esta institución.

Na xuntanza, Touriño e Docampo fixaron para o vindeiro 27 de xuño a data de toma de posesión do novo reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago. O presidente da Xunta expresou o seu desexo de que a Xunta continúe a colaborar intimamente co novo responsable desta institución académica, cuxo decreto de nomeamento foi aprobado polo Consello da Xunta o xoves pasado.

Precisamente, o presidente da Xunta aproveitará a súa visita á cidade olívica para inaugurar o edificio da Reitoría, que culmina as obras da Cidade Universitaria de Vigo. O edificio servirá como nova sede para o reitor e o seu equipo de goberno e tamén albergará as dependencias administrativas da universidade.

Emilio Pérez Touriño asegurou que o compromiso do Goberno que preside coa Universidade de Vigo é firme e que se ratifica, entre outros asuntos, na oferta de Programas Oficiais de Posgrao que serán impartidos no vindeiro curso na institución olívica, promovidos pola Xunta e esta universidade. Ademais, o presidente da Xunta referiuse ao notable incremento orzamentario da Universidade de Vigo, experimentado neste exercicio e que ten, como obxectivo prioritario, fomentar a función investigadora nos campus da universidade viguesa.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia