Skip to main content

Innovación e Industria achega case tres millóns de euros para a promoción e internacionalización das empresas e da industria galega

A Consellaría de Innovación e Industria vén de convocar as axudas para este ano 2006 dirixidas a empresas e asociacións e entidades sen fins de lucro para a realización de actuacións e estratexias de promoción e internacionalización empresarial. A convocatoria de ámbalas dúas ordes de axudas foi publicada no DOG do 12 de xuño de 2006 e segundo a primeira delas, a dirixida a empresas, a consellaría achegará 1,2 millóns de euros para subvencionar actuacións de difusión (material promocional e campañas publicitarias, entre outras, cuxa difusión estea prevista nos mercados internacionais) e actuacións de promoción (participación en eventos expositivos sectoriais de carácter profesional que se celebren fóra de Galiza), emprendidas polas empresas galegas. Poderanse acoller a estas axudas as empresas de carácter industrial con domicilio fiscal en Galiza, xa sexan persoas físicas ou xurídicas que reúnan a condición de Pequena e Mediana Empresa (PEME). A contía da subvención non poderá superar o 50% do investimento subvencionable aprobado pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da consellaría.

A segunda orde de axudas está dirixida a asociacións e entidades sen fins de lucro para a realización de actuacións e estratexias de promoción e internacionalización da industria galega. Poderanse acoller a elas as asociacións e entidades sen ánimo de lucro cuxo ámbito de actuación se desenvolva en Galiza e que pretendan levar a cabo proxectos de interese e trascendencia no ámbito da promoción, divulgación, formación e proxección exterior. Serán obxecto de subvención, ao igual que no caso anterior, as actuacións de difusión e as de promoción. Neste último eido subvencionarase a participación en eventos expositivos pero tamén a organización de foros de negocio a celebrar en Galiza entre as empresas asociadas e distribuidores, importadores e axentes comerciais procedentes de países estranxeiros, así como actuacións de formación (organización de xornadas e cursos formativos que contribúan ao desenvolvemento da capacidade técnica e profesional das empresas asociadas e aborden aspectos fundamentais para a mellora da competitividade internacional dos sectores, empresas e produtos nos mercados exteriores) e actuacións en tecnoloxías da información (desenvolvemento de páxinas web). Innovación e Industria destinará a esta segunda orde de axudas 1.750.000 euros e a contía da subvención que se outorgue non poderá superar o 50% do investimento subvencionable, nin o 75% no caso de que se lle acumulen axudas para igual fin.

O prazo de presentación de solicitudes para ámbolos dous tipos de axudas é dun mes a partires do martes, 13 de xuño.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia