Skip to main content

A Consellería de Innovación e Industria resolve as concesións do IV Premio Galicia Innovación Júnior e do IV Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación

A Consellería de Innovación e Industria vén de facer pública a través do Diario Oficial de Galicia (DOG) a concesión dos galardóns correspondentes á cuarta edición do Premio Galicia Innovación Júnior. O xove Efrén López Ferreiro, da localidade lucense de Sarria, resultou gañador na categoría de 12 a 15 anos, polo traballo titulado “Sistema antigorgolexos”. Recibirá un ordenador portátil e unha cámara de fotografía dixital. Polo que respecta á categoría de 16 a 18 anos, o gañador é o compostelán Alejandro Rivero de Aguilar Pensado, que presentou ao certame o traballo “Sistema de guiado para condutores con discapacidades auditivas”. Recibirá un ordenador portátil e un i-POD.

En ambos os dous casos, a oficina española de patentes e marcas emitirá un informe de patentabilidade. Se ese informe resulta positiv, a Dirección Xeral de I+D+i asesorará ao gañador no trámite de solicitude de patente e pagará a correspondente tasa. Así mesmo, os centros educativos nos que estudan estes rapaces percibirán 600 euros en material inventariable, unha iniciativa que pretende premiar a súa colaboración e asesoramento no desenvolvemento dos proxectos que resultaron premiados. Estes centros son o Departamento de Ciencias do Colexio Nosa Señora da Asunción de Sarria e o Departamento de Tecnoloxía do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.

A esta cuarta edición dos premios presentáronse un total de 238 inventos, dos que resultaron premiados 16. Os segundos premios de cada categoría correspondéronlle a Rocío Lusquiños Ballesteros –na categoría de 12 a 15 anos-, polo traballo titulado “Visión Phone”; e a Casandra Gómez Casal –na categoría de 16 a 18 anos-, polo invento “Peche para bolsas de pan de molde”. Recibirá, cada unha delas, un ordenador portátil.

Cada categoría dos premios está dotada, ademais, con seis accésits. Na categoría de 12 a 15 anos, os gañadores son Víctor Tizón Otero, Gabriel Bescos Beceiro, Lorena Pérez Brandariz, Guillermo Aguilar Vázquez, Vidangerly Torrealba Vicuña e Carla García Ferreiro. Cada un destes accésits está dotado cunha cámara de fotos dixital.

Polo que respecta á categoría de 16 a 18 anos, os gañadores dos accésits son David Millán Touriño, Adrián Docampo Marzoa, Almudena Nóvoa Martínez, Adrián Pérez Rey, Jacobo Gómez Justo e Diego Vázquez Rodríguez. Recibirá, cada un deles, un i-POD.

O Premio Galicia Innovación Júnior é unha iniciativa que puxo en marcha Consellería de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de I+D+i, e que este ano alcanza a súa cuarta edición. O certame enmárcase no Programa de Sensibilización Social do Plan Galego de I+D+i, e tén por obxectivo estimular o espíritu creativo e a capacidade innovadora dos rapaces galegos, valorando especialmente a aplicación dos coñecementos adquiridos polos participantes na súa vida académica. Na convocatoria poden participar todos os rapaces galegos, ou residentes en Galicia, de idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos. Para a concesión destes premios, o xurado valorou moi especialmente a orixinalidade das propostas presentadas, a súa utilidade e as posibilidades reais de levalas á práctica.

“PEPE O INGLÉS” PARTICIPARÁ NA CERIMONIA DE ENTREGA DE PREMIOS

A entrega dos premios ten lugar o luns, 19 de xuño, ás seis da tarde, no Teatro Principal de Santiago de Compostela. O acto está presidido polo Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, e polo Director Xeral de I+D+i, Salustiano Mato de la Iglesia.

“Pepe, o inglés”, protagonista da serie da Televisión de Galicia, leva o timonel do evento asistido por outros personaxes da serie, todos eles da compañía de teatro “Chévere”. A personaxe, encarnada polo actor Miguel de Lira, conxuga dúas das cualidades que se premiaron neste certame: iniciativa e creatividade. Dende o seu taller de reciclaxe (“Pepe o Inglés Factory Recicling”) Pepe é quen de transmitir o espírito inventivo que os premios Galicia Innovación Junior pretende transmitir aos rapaces.


IV Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación

O xornalista coruñés Raúl Romar García, redactor de la Voz de Galicia, e o lucense Roberto Vázquez Noguerol, redactor do xornal dixital Vieiros, son os gañadores da IV edición do Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación.

Raúl Romar conseguiu o galardón coa reportaxe “Varios grupos sitúan a Galiza na élite mundial en nanotecnoloxía”, no que aborda o desenvolvemento desta ciencia en Galiza. O artigo, publicado a dobre páxina en La Voz de Galicia, fai un riguroso percorrido que vai dende a definición do termo de nanotecnoloxía e a importancia que tén a manipulación de materiais a escala atómica para o avance da ciencia, até os proxectos punteiros que se están a levar adiante na actualidade nas universidades galegas. O xurado do certame seleccionou o texto “pola súa capacidade para transmitir, dun xeito comprensible, unha disciplina tan complexa como é a nanotecnoloxía”.

A reportaxe de Roberto Vázquez, pola súa parte, leva por título “Libre e aberto: software para outro mundo posible”, publicouse no xornal dixital Vieiros e está integrada por unha serie de artigos sobre o desenvolvemento do software libre en Galiza que inclúen, dende un apartado de definicións do software e outro de cronoloxía básica, até unha serie de entrevistas a especialistas no tema. Nesta ocasión, o xurado do concurso subliñou “a visión rigorosa e exhaustiva que ofrece dun tema, como o do software libre, sobre o que existen numerosas fontes de información”.

En ambos os dous casos, o xurado destacou a adecuación dos traballos aos obxectivos establecidos por este premio e a súa contribución á divulgación da ciencia e da tecnoloxía nos medios de comunicación social galegos. Así mesmo, destacouse o amplo labor de elaboración e de investigación levada a cabo pos ambos os dous profesionais, o alto rigor científico de ambos os dous traballos e o emprego dunha linguaxe comprensible.

O Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación é un certame organizado pola Dirección Xeral de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria co obxectivo de estimular a produción de textos xornalísticos especializados en materia científica e na Investigación e no Desenvolvemento. O certame está dotado con 7.300 euros que se reparten, a partes iguais, entre os dous gañadores (3.650 euros para cada un).

A nanotecnoloxía, ou manipulación de materiais a escala atómica, xurdiu no ano 1959 co desafío lanzado polo Nóbel de Física, Richard Feynman: “¿Por qué non imos poder escribir os 24 volumes da Enciclopedia Británica na cabeza dun alfiler”, preguntouse. Esa interrogante obtivo respostas nos últimos anos e con logros significativos. Unha “nova revolución industrial invisible ao ollo humano”, segundo a define Raúl Romar no seu artigo. O xornalista afirma que o universo nano “ofrecerá un mundo con infinitas posibilidades no que nada é o que parece”, e subliña que, nesta revolución, Galiza está ben posicionada para non perder o tren do futuro. “Os investigadores galegos que traballan neste campo sitúanse na vangarda, con colaboracións nas mellores universidades e centros científicos do planeta, con publicacións de relevancia mundial e co interese nos seus tratallos por parte de empresas estranxeiras”. Como exemplos desta afirmación, Raúl Romar destaca o nomeamento de José Rivas, catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela, como director do novo Centro Ibérico de Nanotecnoloxía e Tecnoloxías da Comunicación.

Ademáis, o xornalista fai un percorrido polos proxectos, todos eles punteiros, que se están a levar adiante nas Universidades galegas. Raúl Romar ofrece tamén no seu artigo o contrapunto desta realidade: “as empresas aínda non están ao tanto das posibilidades que aporta a nanotecnoloxía” e ademáis, segundo asegura, “a nanotecnoloxía tamén adoece de falta de financiamento”.

O xornalista lucense Roberto Vázquez presentou ao certame unha selección de artigos sobre o software libre, nos que fala da nova ética tecnolóxica baseada na necesidade de compartir, como o camiño para acadar un maior desenvolvemento social. O traballo inclúe unha serie de definicións do software informático e un apuntamento cronolóxico coas datas máis significativas da evolución do software libre. A continuación, inclúe un artigo sobre patentes e como a “teima” de impulsar unha directiva europea sobre patentes de software limitaría, en gran medida, a libre innovación, privilexiando os intereses dos xigantes da informática mundial. Así, no ano 2004 creouse a Mesa Galega pola Libre Innovación, “o abrollo galego para organizar a resistencia diante da presión dos xigantes tecnolóxicos, que presionan para impedir que emprendedores e pemes, a base do tecido produtivo europeo, poidan ser competitivos impoñéndolles patentes absurdas e triviais”.

O traballo remata con entrevistas a unha serie de especialistas no tema: Roberto Brenlla, presidente de AGNIX, defende a necesidade de levar adiante “unha política decidida a carón do software libre”; Denís Fernández, vicepresidente do Grupo de Usuarios de GNU/Linux Galicia, asegura que “o software libre xera emprego, riqueza e coñecemento locais, que enriquecen o país”; Emilio Padrón, presidente da Asociación Universitaria Grupo de Programadores e Usuarios de Linux, afirma que o desenvolvemento deste sofware “é a mellor forma de poder medrar por nós mesmos”; Carlos Rodríguez, do colectivo de programadores e usuarios de Linux de Pontevedra, que subliña a necesidade de priorizar a formación e a divulgación neste ámbito e o informático Álvaro Gómez, que define a filosofía do software libre como “sinxela, xa que dá o mesmo que ti recibes”. O traballo remata cun artigo sobre Glest, un videoxogo en 3D que pode descargarse de balde en Internet e que ideou o informático galego Martiño Figueroa.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia