Skip to main content

O Consorcio Audiovisual de Galicia convoca axudas co fin de impulsar a coproducción de longametraxes con empresas de Arxentina e Cataluña, dentro do acordo Raíces

O Consorcio Audiovisual de Galicia deu a coñecer no DOGA a resolución pola cal convoca axudas para impulsar a coprodución de longametraxes cinematográficas con empresas produtoras independentes de Arxentina e Cataluña, dentro do marco do acordo Raíces.

O acordo Raíces asinouse o 21 de xaneiro de 2005 entre o Consorcio, o Instituto Catalá de les Indústries Culturals (ICIC) e o Instituto Nacional de Cine y Artes Audiovisuales (INCAA) de Arxentina, a través do que se creou un fondo económico destinado a financiar axudas a produtoras independentes de Galicia, Cataluña e Arxentina que coproduzan longametraxes cinematográficas.

As axudas feitas públicas hoxe, ao igual que aconteceu na primeira convocatoria, contarán cun importe máximo subvencionable por proxecto de 50.000 euros e poderán solicitarse ata o vindeiro 17 de xullo. O total do importe previsto na Resolución do Consorcio é de 150.000 euros, 75.000 imputados aos orzamentos do 2006 e 75.000 aos do 2007.

A valoración das solicitudes correrá a cargo dunha comisión formada por membros das tres institucións asinantes do Acordo do Fondo Raíces e basearase, entre outros, nos criterios cualitativos do proxecto e en criterios industriais. No primeiro grupo atópase a orixinalidade e interese do argumento, estrutura do guión e calidade dos diálogos e da narración, trato visual, historial do equipo técnico e do equipo artístico. Os criterios industriais refírense á traxectoria da produtora solicitante, das empresas coprodutoras e dos produtores executivos, financiamento, plan de lanzamento, análise e previsión dos ingresos, adecuación e coherencia do presuposto ao proxecto presentado. A reunión da comisión terá lugar en San Sebastián coincidindo coa celebración do Festival Internacional de Cine.

Novidades na convocatoria

O cambio máis significativo con respecto á convocatoria do ano 2005 atópase no sistema de pago. Este ano, o 50% da axuda entregarase no momento da concesión, sempre que se cumpran os requisitos establecidos na convocatoria; un 30% da axuda ao inicio da rodaxe -que deberá comezar antes do 31 de marzo de 2007- e un terceiro e último pago do 20% á entrega dos materiais. Preténdese así, favorecer ás produtoras posto que, disporán do 80% do importe da subvención ao inicio da rodaxe.

Galardoados

Entre os proxectos galardoados na pasada convocatoria atópase Filmax Animation co proxecto de animación 3D Pérez, o ratiño dos teus soños, coproducido xunto co Patagonik Film Group e Castelao Productions e dirixido por Juan Pablo Buscarini.

Outro dos proxectos premiados foi Abrígate de Continental Producciones, coproducido xunto con SB Producciones e Oberón Cinematográfica e dirixido por Ramón Costafreda.

Por último premiouse á Produtora Faro Lérez polo proxecto A velocidade funda o esquecemento coproducido xunto con Factotum Barcelona, Never Land Films e Baraka Cine e dirixido por Marcelo Schapces.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia