Skip to main content

As empresas familiares poderán reparar plans ou protocolos de sucesión con apoio do Igape

As empresas familiares galegas poderán contar con apoios do Igape para cubrir os custos de elaboración de plans ou protocolos de sucesión, que son considerados instrumentos de grande importancia para garantizar a pervivencia deste tipo de empresas. As axudas figuran ao amparo das novas bases reguladoras para o Plan de Consolidación e Competitividade da Peme, publicadas onte no DOG. O prazo para a presentación de solicitudes, que se resolverán polo sistema de concorrencia competitiva, comeza o próximo 30 de xuño e rematará o 8 de setembro deste ano. O instituto tamén prima a este tipo de sociedades na concesión de subvencións para a elaboración de diagnósticos empresariais.

O obxectivo dos plans e protocolos son os de asegurar os métodos e acordos que rexerán o acceso dos membros das familias á empresa, así como os acordos que rexerán nas sucesións xeracionais. Os apoios para a elaboración deste tipo de plans nas pemes familiares consisten en subvencións a fondo perdido de ata un 50% dos custes externos de elaboración dos mesmos, mais os custes de fedatarios públicos para a súa elevación a público. Terán consideración de prioritarios os proxectos de empresas dirixidas na actualidade pola segunda xeración familiar.

No referido aos apoios para a realización de diagnósticos empresariais integrais por consultores independentes, as empresas familiares poden contar cunha axuda que se eleva ata o 90% dos custos, cando con carácter xeral a porcentaxe é do 70%. A mesma circunstancia se dá nos apoios para a elaboración de diagnósticos e estudos sobre as capacidades de internacionalización das pemes, nos que a axuda e do 90% se a peme e de carácter familiar, en lugar do 70% que se aplica con carácter xeral.

Estos apoios específicos engádense ao marco xeral que o Igape pon a disposición dos proxectos empresariais en Galicia, dado que as liñas de axuda que o instituto ten a disposición das pemes para incentivar os seus proxectos empresariais son todas perfectamente aplicables ás pemes de carácter familiar.

Os apoios específicos para a elaboración dos plans e protocolos de sucesión nas empresas familiares pretenden dar resposta a problemáticas ou necesidades específicas deste tipo de sociedades como son, por unha parte, o relevo xeracional e, por outra, a necesidade da reflexión e análise estratéxica que permita un diagnóstico integral da situación da empresa e a formulación de plans de acción para a sua consolidación e mellora.

Xornada organizada por Xesgalicia

A análise destes aspectos na empresa familiar galega foi precisamente o cerne da xornada organizada por Xesgalicia coa colaboración da consultora Garrigues. O encontro desenvolveuse na sede da CEG e contou coa asistencia de medio cento de empresarios vinculados aos fondos de capital risco e Sodiga.

Durante este encontro, o director de Xesgalicia, Álvaro Álvarez-Blázquez, salientou a importancia do capital risco como instrumento financeiro de interese que pode contribuir a impulsar e asentar determinados procesos de transición ou reforzamento das empresas participadas.

Tamén nesta xornada, os expertos Manuel Pavón e Mario de Gandarillas presentaron un estudio sobre a súa experiencia de traballo con empresas familiares e expuxeron os principios básicos para a elaboración de protocolos de sucesión. No encontro participou tamén o director da área de seguimento e coordinación de programas do Igape, José Penelas, que adiantou as liñas xerais dos apoios específicos agora publicados polo Instituto.
Gabinete de Comunicación do Igape (Consellería de Economía da Xunta de Galicia)